Nova: Xuventude Crea premia a creatividade do ourensán Francisco Basteiro e o santiagués Julián Rivas nas categorías de Moda e Deseño de xoias

03/12/2021

Xuventude Crea premia a creatividade do ourensán Francisco Basteiro e o santiagués Julián Rivas nas categorías de Moda e Deseño de xoias

Nesta edición de 2021 presentáronse un total de 12 obras na especialidade de moda e 28 na de deseño de xoias, disciplinas que sumaron 40 persoas participantes

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta categoría, que tivo lugar en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- O certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento creativo e innovador da mocidade galega a través dos finalistas na categoría de Moda e Deseño de xoias. O ourensán Francisco Basteiro Salgado foi o gañador na disciplina de Moda coa súa obra Out of this world, e o santiagués Julián Rivas Pintos foi o primeiro clasificado na modalidade de Deseño de xoias coa súa creación Eles. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta edición de 2021, presentáronse un total de 12 obras na especialidade de Moda e 28 obras na especialidade de Deseño de xoias, que en total chegaron atas as 40 persoas participantes, 26 mulleres e 14 homes. Finalmente, das obras presentadas seleccionáronse como finalistas 12, seis na especialidade de moda e seis na de deseño de xoias. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados.

O segundo galardón de Moda foi para Marta Del Río Moldes, de Vigo, por Lost, e o terceiro para Beatriz Chan Costa, de Pontevedra, con Sotorm boy.

Na categoría de Deseño de xoias, pola súa banda, o segundo premio foi para Laura Formoso Caamaño, de Santiago, con A túa nova casa, e o terceiro para Inés Cortizas Vázquez, de Betanzos, coa súa obra Kukú.

Todas as obras finalistas de ambas categorías, Moda e Deseño de xoias, se poden visitar de luns a sábado na Igrexa da USC ata o 15 de xaneiro.

Premiados en música

Nas últimas semanas falláronse tamén os recoñecementos noutras disciplinas, como Música, onde a ourensá Alicia Otero quedou en primeiro lugar coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán; Ana & Marián (de Noia e Outes) quedaron segundas cos temas Faros e Canto ao mar; e Karma Animal (de Vigo) quedou en terceira posición con Fénix e Marfil.

Tamén videocreación, creación de videoxogos e teatro

Tamén son xa coñecidos os vencedores nas categorías de videocreación, creación de videoxogos, teatro, artes plásticas e fotografía, graffiti, poesía, novela curta e cociña. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Ademais, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros. O segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, realizado por Iván Fernández e Luis D. Lobo, de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, de Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Na modalidade de teatro, o gañador foi o grupo de Santiago Mevadeus, coa obra Agro 5g. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky? En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.

Vencedores en artes plásticas e fotografía

María Gar, de Pontevedra, coa súa creación titulada Fragmentos de una erosión; e Andrés Seara, de Ourense, por Spectra, foron os gañadores nas categorías de artes plásticas e fotografía, respectivamente.

Así mesmo, en artes plásticas quedou segundo clasificado o vigués Oliver Alfonso Fernández, por We are all alike; e o terceiro posto foi compartido por Alejandro Vázquez Tomé, tamén de Vigo, por Quería mandarte flores e Alejandro Reiriz Pouseu, de Bueu, por Galicia esperta e herbas ledas.

No caso da modalidade de fotografía, compartiron o segundo premio o lugués Adrián Vazquez Rodríguez, autor de Diversas, e a viguesa Rocío Campoy Lage, por Berros. Tamén foi compartido o terceiro premio por Claudia Valentina Feijoo Díaz, de Sada, con Mares doutros, e o coruñés Hadrián Márquez pola súa creación denominada Pare. Así mesmo, o xurado outorgou unha mención de honra para David García Villaverde, da Coruña, por O patio do monxe.

Gañadores en graffiti, poesía e novela curta

Pola súa banda, o artista ‘Honey’, de Baiona, venceu na especialidade de graffiti coa súa creación titulada Bo Camiño. Segundo quedou ‘Ares’, de Tui, con As dúas en punto; e o terceiro posto foi para ‘Seek’, tamén natural de Baiona, pola súa peza Galaxia animal. Nesta modalidade concedeuse unha mención de honra á artista ‘Maldita’, de Ribadavia, pola súa creación titulada 37 min.

Na modalidade de poesía, o xurado recoñeceu a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios que fai Brais Lamela na obra que presentou a concurso: A linguaxe dos outros. En segundo lugar quedou Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil; e a terceira clasificada foi a santiaguesa Navia Rivas Castro con Aprender a respirar.

Na categoría de novela curta, Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de deus. Entre os trece escritos que se presentaron, quedou en segunda posición o do mozo de Santiago Adrián Noia Vázquez, coa obra O país dos raposos. O terceiro lugar foi para Aarón Barreira Diz, de Culleredo, por Indicios esferoides.

Cociña e danza moderna

En cociña, a santiaguesa Francesca De Nigris, resultou a primeira clasificada co prato Tartaleta de castañas con cremoso queixo San Simón e coulis de pera e mostaza. En segunda posición quedou o equipo formado por Andrea Maseda Prado e Miguel Morán Gueimonde, de Cospeito, con Nube de albaca e xeado de tomate de Carmen, sobre sopa fría de queixo do Cebreiro; e o terceiro lugar foi compartido polos lucenses Michael Cebral López e Pablo Torreira Pardo, que confeccionaron a receita Esencia de fraga; e Ainhoa Martínez Álvarez, da Pobra de Trives, co seu prato Entroidallo.

Na categoría de danza moderna, celebrada a tarde do sábado no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o primeiro premio foi para a agrupación de Tui Siete Pecados, que levou o galardón cunha representación que leva o seu mesmo nome. Mentres, a obra Impulsive, de Llui Waratchaya, de Vigo, e Cristales da Coruña con The other side of paradise compartiron o segundo premio; e Manos perdidas de Macorinos, da Coruña, e Mantendo a esencia, do grupo de Nigrán Grow as Ohana, levaron un terceiro premio compartido.

Catorce categorías

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Participan mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.

Comparte