Nova: A XVII Xornada de Normalización Lingüística celebra os 30 anos dos equipos de dinamización da lingua galega

26/11/2021

A XVII Xornada de Normalización Lingüística celebra os 30 anos dos equipos de dinamización da lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na inauguración deste encontro, organizado por Escolas Católicas co apoio da Xunta e dirixido ao profesorado de centros públicos e privados

Valentín García tamén asistiu no IES Antón Alonso Ríos, en Tomiño, á entrega dos diplomas Certificação Camões Júnior, que acreditan ata o nivel B1 da lingua portuguesa
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá á sede do Consello da Cultura Galega para inaugurar a XVII Xornada de Dinamización Lingüística, organizada cada ano por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade valorou o papel destas xornadas “que reúnen os docentes e permiten compartir experiencias de dinamización da lingua galega e colaborar para promovela nos centros educativos, porque da cooperación xorden as mellores ideas”. Así mesmo, o secretario xeral lembrou “o papel fundamental que ten o profesorado para transmitir unha imaxe positiva da lingua galega e animar a xente nova, presente e futuro da lingua, a usala dentro e fóra das aulas”.
Xunto con Valentín García participaron nesta sesión inaugural Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas.

30 anos traballando pola dinamización da lingua

Tras o acto de apertura comezou a conferencia 30 anos de EDLG. O seu futuro á luz do novo currículo, impartida polo inspector educativo Elisardo López Varela e centrada en celebrar o traballo que, desde hai tres décadas, veñen realizando os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino públicos, privados e concertados galegos. De seguido, un relatorio analiza a figura elixida para renderlle homenaxe nas Letras Galegas a partir do vindeiro xaneiro. A docente e directora do proxecto As letras de Florencio, Déborah Álvarez Moldes, quen tamén se implicou na candidatura do autor do Barco para este 2022, pronuncia a charla Unha achega á vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán.

O resto da mañá complétase coas chamadas experiencias, a primeira, Despedindo o ano de Xela, que, como o seu título indica, pecha o ano da poeta máis rompedora das nosas letras da man de Patricia Romasanta e Chelo Quintana, docentes do colexio Carmelitas de Ourense; a segunda, Un mergullo no mundo de Florencio, impartida por Josefa Domínguez, coordinadora de dinamización lingüística do colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras, abre o camiño ao novo homenaxeado, que sitúa Valdeorras como epicentro destas Letras 2022.
A partir das 13,00 horas terá lugar, por terceiro ano consecutivo, a entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, patrocinados polo grupo Rodeira Edebé, que recoñecerán o labor dos equipos dos colexios Divina Pastora de Ourense, con Elías Piñeiro á fronte, e San José de Cluny de Santiago, con Esther Balboa, polas iniciativas Cantando en galego e Galegoteka, respectivamente. Finalmente, a xornada pecha cunha homenaxe a un persoeiro da cultura, como é habitual, que este ano amplía os seus horizontes ao mundo da música recoñecendo o grupo de gaiteiros Os raparigos, de Ferrol.

Distinción aos estudantes de portugués

Tamén esta mañá, o representante de Política Lingüística acompañou no IES Antón Alonso Ríos, en Tomiño, a Filipe Díez, profesor de portugués, Cruz Garrido, directora do centro e Filipa Soares, coordinadora da ensinanza de portugués como lingua estranxeira en España e Andorra, na entrega dos diplomas de Certificação Camões Júnior aos alumnos de 2º da ESO a 2º de Bacharelato que superaron o exame oficial de certificación de lingua portuguesa realizado no centro pontevedrés.

O exame de Camões Júnior é unha proba que permite a avaliación dos alumnos e alumnas en portugués como lingua estranxeira e a determinación, mediante un único exame realizado en liña, da competencia global da rapazada nas áreas de comprensión oral, lectura e escritura, expresando o resultado final a través dunha escala que sitúa o alumnado nun nivel de competencia A1, A2 ou B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER).

 

Comparte