Nova: A Xunta iluminará o día 30 dúas portas da muralla con motivos conmemorativos do XXI aniversario como patrimonio da humanidade

26/11/2021

A Xunta iluminará o día 30 dúas portas da muralla con motivos conmemorativos do XXI aniversario como patrimonio da humanidade

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, invita á cidadanía a sumarse tamén aos roteiros nos que o guía Guido Álvarez descubrirá aspectos singulares do monumento

Lugo, 26 de novembro de 2021.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo celebrará o XXI Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola Unesco instalando iluminación con motivos conmemorativos nas portas de San Fernando e na de Bispo Aguirre o día 30 de novembro.

Ademais, o mesmo día convoca dous roteiros co guía turístico Guido Álvarez, que descubrirá aspectos históricos, anécdotas, lendas e outras singularidades do monumento. Os roteiros partirán das escaleiras do adarve na Praza do Ferrol ás 12.00 e ás 18.00 horas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, invita aos lucenses a participar nos actos, que “lembran un fito na historia da cidade, tanto dende o punto de vista patrimonial e cultural como turístico, porque en todos estes eidos tivo unha repercusión innegable o recoñecemento da Muralla como Ben Mundial”.

As portas de San Fernando e Bispo Aguirre lucirán bañadas de luz cunha imaxe superposta en referencia ao aniversario; a iluminación ornamental permanecerá acendida entre as 18.00 e as 24.00 horas.
 

Comparte