Nova: A Xunta organiza a primeira reunión presencial do grupo de traballo do Plan Integral para a Danza

24/11/2021

A Xunta organiza a primeira reunión presencial do grupo de traballo do Plan Integral para a Danza

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021.- A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a primeira xuntanza presencial do grupo de traballo que elaborará as propostas do Plan Integral para a Danza de Galicia, impulsado pola Xunta en colaboración cos diferentes axentes culturais implicados. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, conduciu esta reunión coa que se lles dá continuidade ás desenvolvidas telematicamente en meses anteriores.

Os retos cos que os espectáculos coreográficos se atopan á hora da súa distribución centraron esta xornada de traballo, que contou tamén coa participación de Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, en representación dos programadores; Caterina Varela e Manu Lago, da Platafoma Artes do Movemento; Carmen Mejuto, da Plataforma RescatArte, e Fran Sieira, como parte do ámbito da danza tradicional. Con anterioridade e unha vez finalizado o proceso de participación cidadá, o grupo de traballo abordou xa outros apartados como o da produción ou o das residencias artísticas. O obxectivo final é o desenvolvemento e execución ao longo dos vindeiros anos de actuacións e medidas de mellora consensuadas cos profesionais do sector, de xeito participativo e transparente.

Comparte