Nova: A Xunta investigará o pasado da capela de Novais, no concello de Val do Dubra

23/11/2021
A Xunta investigará o pasado da capela de Novais, no concello de Val do Dubra
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou os traballos de prospección arqueolóxica, estudo e documentación destes restos
A actuación enmárcase no obxectivo do Goberno galego de poñer en valor os xacementos arqueolóxicos máis significativos da Comunidade
Val do Dubra (A Coruña), 23 de novembro de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, para nformar que a Xunta de Galicia iniciou hai uns días os traballos de prospección arqueolóxica, estudo e documentación dos restos da antiga capela de Novais, no concello de Val do Dubra. Esta actuación, que permitirá coñecer as orixes desta edificación, enmárcase no obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de poñer en valor os xacementos arqueolóxicos máis significativos da Comunidade.
En concreto, a intervención centrarase en pescudar este ben para documentalo de cara a súa catalogación e protección. Para iso, vaise realizar unha prospección arqueolóxica intensiva dos restos da capela e do contorno inmediato, así como un estudo histórico da mesma que incluirá, polo menos, a busca de información nos arquivos parroquiais próximos ao lugar e máis no Arquivo Histórico Diocesano.
Asemade aproveitarase para facer un rexistro 3D do ben mediante fotogrametría. Por outra banda, no eido divulgativo, e en colaboración co Concello do Val do Dubra, realizarase unha visita comentada ao lugar unha vez rematada a actuación para dar a coñecer o estudo realizado e os valores propios do sitio. Finalmente, elaborarase unha ficha de inventario e unha memoria na que se recompile toda a documentación de cara á súa catalogación.