Nova: A Xunta conmemorará o centenario de María Casares cunha gran programación escénica, audiovisual, editorial e académica dentro e fóra da Comunidade

20/11/2021

A Xunta conmemorará o centenario de María Casares cunha gran programación escénica, audiovisual, editorial e académica dentro e fóra da Comunidade

O Goberno autonómico impulsa en 2022 o centenario do nacemento da actriz xunto a entidades como a Biblioteca Nacional de España ou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entre outras

En colaboración coa Embaixada española en Francia e o Instituto Cervantes achegarase ao público francés a pegada galega e española con distintas accións

Porase o foco na escena teatral con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais

O festival de teatro, danza e arte da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, dedicará a súa oitava edición á artista e presentará unha peza na súa honra

Exposicións con pezas orixinais, conferencias, así como documentais e un espazo dixital específico para divulgar as iniciativas en marcha completan o programa

A Coruña, 19 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia impulsará en 2022 unha programación extensa e descentralizada para conmemorar o centenario de María Casares e dar visibilidade ao legado da artista tanto dentro como fóra da Comunidade a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes.

Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, na presentación da programación que, como indicou, é posible grazas á implicación e compromiso de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

O titular de Cultura da Xunta salientou a necesidade de poñer en marcha unha programación como esta para dar resposta á “débeda histórica que temos con esta artista universal que é, ademais, unha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo”. Puxo de manifesto a súa capacidade para poñer en marcha “unha escola interpretativa propia que abriría oportunidades para moitas mulleres da súa época” e valorou o seu traballo por apoiar aos novos creadores e producións trangresoras.

“Consideramos que, con estas credenciais debemos renderlle unha homenaxe que permita abordar con xustiza, respecto e profundidade unha figura tan poliédrica como a de Casares”, expresou. A Xunta, en colaboración con distintas entidades impulsan unha programación “o máis ambiciosa posible, diversificada e plural” para darlle á artista coruñesa “a visibilidade que merece”.

Proxección internacional

Neste sentido, a programación prevista estenderase máis alá de Galicia. Así, actualizarase a pegada da actriz coruñesa ante o público francés, a través dun proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra fotográfica no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia).

En Galicia, a programación porá o foco na escena teatral, con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais. Celebrarase unha edición especial dos Premios María Casares e programarase Continente María, unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Ainé Produccións baixo a dirección de Tito Asorey. Poderá verse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén se subirá a escea o espectáculo Política sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus, do autor Javier Villán baixo a dirección de David Loaysa, que se centra na relación entre o Nobel francés e a artista coruñesa. Estrearase en Santiago e percorrerá distintos lugares de Galicia.

Ademais, o festival de Inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do Cambio, dedicará a súa oitava edición a María Casares e, neste contexto, presentará unha peza de nova creación inspirada nela e interpretada por mulleres.

Ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia

Tamén se promoverán diferentes producións audiovisuais para ilustrar o amplo percorrido de Casares. Así, de xuño a novembro, a Filmoteca de Galicia incluirá un ciclo audiovisual específico sobre a artista coruñesa no que se poderá ver o seu traballo no mundo do cinema e se proxectarán documentais e programas para televisión nos que a propia María Casares tratou a súa biografía.

A programación conmemorativa inclúe a difusión, nas salas de cine de Galicia, do documental Vitola. Actriz universal, da produtora Manarte Produccións, cuxa estrea está prevista para o mes de xuño. Outro documental, neste caso María Casares: a muller que viviu mil vidas, realizado en colaboración con Agallas Films e a CRTVG, propón unha aproximación á vida da actriz e unha homenaxe á súa terra natal. Está prevista a súa estrea na Coruña e proxectarase tamén en salas de Madrid e Barcelona.

O proxecto María Casares: voces para un centenario, da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia incluirá tamén dúas pezas audiovisuais gravadas localizacións como A Casa-Museo Casares Quiroga e a Fábrica de Tabacos, ambas na Coruña, e varios lugares do concello de Oleiros, onde está o instituto co seu nome e proxectaranse ata cinco pezas audiovisuais para ser emitidas na TVG a modo de divulgación.

Reflexións académicas

No eido académico, incluiranse dous ciclos de conferencias para analizar o seu impacto no presente. En colaboración coa Biblioteca Nacional de España realizarase en Madrid un ciclo de conferencias e charlas para afondar na súa proxección internacional entre maio e xuño. Tamén se desenvolverá o proxecto María Casares: do exilio ao escenario, que reunirá na Coruña de xaneiro a novembro a personalidades do mundo da cultura e das artes galegas e nacionais que coñeceron á artista para dar a súa perspectiva.

En canto ao campo editorial, Edicións Xerais e a Xunta de Galicia editarán a publicación María Casares a través do espello. Legado filosófico e artístico dunha galega universal, escrito pola actriz Sabela Hermida, unha crónica moi detallada das diferentes etapas da icónica intérprete. Ademais crearase un espazo dixital específico que divulgará a programación cultural e as iniciativas que conmemoran o centenario do nacemento de María Casares, aloxado en cultura.gal.

Artista coruñesa

Con todas esta programación a Xunta e o resto de entidades promoverán o legado da artista nada na Coruña en 1922. Foi unha actriz de teatro e cinema que triunfou no seu exilio en Francia onde residiu. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.

Comparte