Nova: A Xunta impulsa a primeira edición do programa ‘Que non pare a música’ en Pontevedra con oito concertos esta fin de semana

11/11/2021

A Xunta impulsa a primeira edición do programa ‘Que non pare a música’ en Pontevedra con oito concertos esta fin de semana

Dakidarría, SonDaRúa, Boyanka Kostova, Carlos Sadness, La Casa de los Ingleses, Cora Velasco, Furious Monkey House e Baiuca actuarán desde mañá e ata o domingo no Recinto Feiral pontevedrés

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova iniciativa, que nace co apoio da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais ao abeiro da programación do Xacobeo 21-22

Pontevedra, 11 de novembro de 2021.- O Recinto Feiral de Pontevedra acolleu hoxe a presentación do programa de concertos Que non pare a música, que se celebrará na explanada deste espazo desde mañá e ata o domingo co obxectivo de contribuír á recuperación e desestacionalización da oferta de música ao vivo en gran formato. Dakidarría, SonDaRúa, Boyanka Kostova, Carlos Sadness, La Casa de los Ingleses, Cora Velasco, Furious Monkey House e Baiuca conforman este cartel, maioritariamente galego, que conta co apoio económico da Xunta por medio da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación aos medios desta iniciativa, promovida pola empresa Global Setup, na que salientou a súa aposta por unha produción cen por cento galega coa contratación de diferentes empresas técnicas e promotoras artísticas da nosa Comunidade.

Recuperación económica das promotoras musicais

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a empresa organizadora de Que non pare a música é unha das 17 adxudicatarias da devandita liña de subvencións para espectáculo musicais, inserida no Plan de reactivación cultural co obxectivo de contribuír á recuperación económica das promotoras independentes fronte ao impacto da crise sanitaria. A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Esta nova proposta do outono cultural galego nace con vocación de continuidade arredor de varios obxectivos como a desestacionalización e descentralización da oferta musical en gran formato, a sostibilidade, o impulso da presenza feminina nos equipos técnicos e no cartel artístico ou a aposta polas bandas locais, entre outros.

Con tal fin, levantouse un recinto cuberto na explanada do Recinto Feiral, con capacidade para 1000 persoas de pé e no que se garante a aplicación das medidas sanitarias vixentes. Nel soarán na noite do venres os ritmos urbanos de Dakidarría e SonDaRúa, ademais do hip hop retranqueiro de Boyanka Kostova.

O sábado será a quenda para o pop de Carlos Sadness e da banda local La Casa de los Ingleses, mentres que o domingo pola mañá actuarán os tamén pontevedreses Furious Monkey House e Cora Velasco. Xa na sesión de tarde, terá lugar o concerto de Baiuca, no seu regreso aos escenarios tras a experiencia vivida en Sudán durante o golpe de estado neste país africano.

Comparte