Nova: A Xunta apoia medio cento de editoriais galegas para a publicación e distribución de máis de 400 obras

31/10/2021

A Xunta apoia medio cento de editoriais galegas para a publicación e distribución de máis de 400 obras

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas de 200.000 euros para colaborar co sector e facilitar que os libros cheguen ao público

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2021.- Máis de medio cento de editoriais resultaron beneficiarias este ano da liña de axudas da Xunta dotada de 200.000 euros para impulsar a distribución das obras editadas e facilitar que cheguen ao público.

En concreto, e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, este ano publicáronse máis de 400 obras de 56 editoriais con esta axuda do Goberno autonómico, o que supón un incremento con respecto a 2020, cando as beneficiarias foron algo máis de 40.

As axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre setembro do ano pasado e setembro deste ano. Ao abeiro desta liña de apoio, a Xunta contribúe aos gastos derivados de tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, dixitalización, así como accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Impulso con 2 millóns de euros

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír co sector do libro en todas as súas vertentes. Ademais das axudas á distribución resoltas, o Goberno autonómico apoia ao sector na súa proxección exterior, nas feiras do libro de Galicia, na adquisición de novidades editorais, así como con actividades de dinamización para a lectura, cun investimento que en 2022 superará os 2 millóns de euros.

Comparte