Nova: A Xunta pon en marcha os traballos de limpeza da necrópole megalítica dos Campiños en Rianxo

27/09/2021

A Xunta pon en marcha os traballos de limpeza da necrópole megalítica dos Campiños en Rianxo

A actuación centrarase nas mámoas catro e cinco deste asentamento e en reparar os danos provocados polo incendio que asolou o concello de Rianxo en 2019

O conxunto localízase na parroquia de Santa María de Leiro e está composto por seis túmulos que se distribúen nunha área de aproximadamente unha hectárea

Rianxo (A Coruña), 27 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia pon hoxe en marcha os traballos de limpeza da necrópole megalítica dos Camiños, na parroquia de Santa maría de Leiro de Rianxo. Trátase dunha actuación que se centrará nas mámoas catro e cinco deste asentamento co fin de mellorar as súas condicións de conservación, impedir que o biodeterioro afecte aos restos arqueolóxicos, reparar os danos provocados polo incendio que asolou este concello no ano 2019 e facilitar a súa visita e contemplación.

Así, tendo en conta os valores culturais que posúe esta necrópole, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade actuará durante dous meses nesta zona. Concretamente, os traballos que se van realizar son a roza, limpeza e retirada da vexetación para, a continuación, restituír o ortostato que se atopa actualmente inestable e con risco de derrubamento a súa situación orixinal.

Cando a actuación remate, a empresa responsable encargarase de divulgar entre a comunidade local os traballos levados a cabo e os valores propios do xacemento a través dunha visita guiada.

A necrópole dos Camiños, que conta coa condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural, está composta por seis túmulos que se distribúen por unha área de aproximadamente unha hectárea e que foron estudados a mediados dos anos 70 do século XX polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Ademais, a mámoa seis tamén foi escavada por Ramón Fábregas Valcarce e Andrés de la Fuente no ano 1984.

Comparte