Nova: ‘Marín é musica’ ofrece o único concerto de Rayden este ano en Galicia dentro da programación do Xacobeo 21-22

14/09/2021

‘Marín é musica’ ofrece o único concerto de Rayden este ano en Galicia dentro da programación do Xacobeo 21-22

A Xunta apoia a primeira edición deste evento a través da liña extraordinaria de axudas do Plan de reactivación do sector cultural para espectáculos musicais de promotoras afectadas economicamente pola pandemia

O director de Industrias Culturais participou na presentación desta cita, que terá lugar o 9 de outubro e na que tamén actuará o galego García Mc & Nación Quilombo
 

Marín (Pontevedra), 14 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia apoia economicamente a posta en marcha de Marín é música, que celebrará a súa primeira edición o 9 de outubro co rapeiro madrileño Rayden como cabeza de cartel, no que será o seu único concerto en Galicia este ano. Esta nova iniciativa conta con subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través dunha convocatoria extraordinaria para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste programa no Museo Municipal Manuel Torres xunto a María Ramallo, alcaldesa de Marín, e Jordi Lauren, de PlayPlan Cultural, organizadora do evento. Na súa intervención, Sutil explicou que se trata dunha das 17 iniciativas adxudicatarias desta liña específica de axudas, inserida no Plan de reactivación cultural, para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria.

A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Ademais de Rayden, quen presentará en Marín o seu último e exitoso álbum de estudio, Homónimo, tamén subirá ao escenario que se instalará no Parque Azul o rapeiro galego García Mc, á fronte de Nación Quilombo. Mañá mércores, a partir das 12,00 h., activarase a venda de entradas a través da web www.enterticket.es.
 

Comparte