Nova: A Xunta reúne máis de cen artistas para celebrar este domingo en Lugo a II Festa do Jazz galego con seis horas de música en directo

27/08/2021

A Xunta reúne máis de cen artistas para celebrar este domingo en Lugo a II Festa do Jazz galego con seis horas de música en directo

Terá lugar o día 29, a partir das 13,00 horas, na praza de Santa María como parte da actividade cultural do Xacobeo 21-22

O espectáculo, coordinado pola asociación Escobijazz, tamén poderá ser seguido en streaming a través das redes sociais

Lugo, 27 de agosto de 2021.- A Xunta de Galicia organiza a segunda edición da Festa do Jazz Galego, que este domingo 29 reunirá en Lugo máis de cen artistas de toda Galicia, entre músicos e bailaríns, nunha gran jam session inserida na programación cultural do Xacobeo 21-22. A praza de Santa María será o escenario deste evento, coordinado pola Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, que a partir das 13,00 h. ofrecerá seis horas continuadas de música en directo.

O espectáculo, que tamén poderá ser seguido en streaming a través de diferentes redes sociais, foi presentado hoxe polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente de Escobijazz, Alberto Grandío.

Na súa intervención, Javier Arias destacou o labor da Asociación de Amigos do Jazz tanto no desenvolvemento desta Festa do Jazz Galego, como na organización do Festival Internacional de Jazz de Lugo, que se celebra en novembro. Neste senso, explicou que ambas iniciativas contribúen a situar a cidade de Lugo como un referente internacional neste xénero musical.

A maior jam session de España

De igual modo se expresou Jacobo Sutil, quen ademais encadrou o evento no compromiso do Goberno galego coa recuperación da actividade do sector e, en concreto, da música en directo tanto en festivais, salas de concertos, circuítos de espectáculos ou iniciativas como a que terá lugar este domingo na praza de Santa María.

De feito, lembrou que a música centra unha parte importante das medidas desenvolvidas ao abeiro do Plan de reactivación cultural da Xunta, ademais de ser un dos piares da oferta de cultura e de ocio impulsada polo Goberno autonómico para compartir coa cidadanía a celebración do Xacobeo 21-22.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o éxito do ano pasado, que ao longo das súas catro horas de duración foi seguido por preto de 2000 espectadores en directo e contou con máis de 30.000 visualizacións en liña. Ao respecto, especificou que este ano se dá un paso máis alá, ampliando o número de horas e de artistas participantes, de xeito que a II Festa do Jazz Galego se converterá na maior jam session das celebradas ata o de agora en España.

Para conseguilo, contarase ademais cun protocolo específico que garantirá en todo momento a seguridade tanto do público, como do equipo técnico e dos músicos e bailaríns que irán subindo en diferentes quendas ao escenario. A entrada é gratuíta, seguindo as indicacións da organización para o acceso e saída do recinto e o mantemento da distancia de seguridade, entre outras medidas.

En canto á proposta artística, o espectáculo percorrerá a traxectoria dos máis grandes compositores dos inicios do xénero, entre 1910 e 1950, como Scott Joplin, Fats Waller, Willie ‘The Lion’ Smith, Louis Armstrong, Duke Ellington ou Billie Holiday, entre moitos outros. Como novidade, nesta segunda edición contarase tamén cun grupo de baile, que interpretará diferentes temas de swing.

Comparte