Nova: A segunda edición do fondo de proxectos culturais Xacobeo bota a andar coa música de Óscar Ibañez & Tribo e un obradoiro de danza de Kirenia Martínez

08/07/2021

A segunda edición do fondo de proxectos culturais Xacobeo bota a andar coa música de Óscar Ibañez & Tribo e un obradoiro de danza de Kirenia Martínez

Este domingo comezan as actividades dos primeiros artistas beneficiarios da segunda convocatoria enmarcada no Plan de Reactivación Cultural da Xunta

Haberá un concerto no concello de Covelo e outro no Castelo de Monterrei con entradas de balde ata completar as prazas dispoñibles

A semana que vén, a bailarina e coreógrafa repetirá no Courel cun obradoiro mixto de danza, literatura e interpretación no colexio CPI Uxío Novoneyra

En total, esta iniciativa, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros, ofertará máis dun millar de actividades repartidas por Galicia ata o 15 de decembro

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021.- Bota a andar a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 coa posta en marcha das primeiras actividades dos beneficiarios desta edición. Despois dun proceso de valoración dos proxectos presenciais, as empresas culturais e os autónomos do sector seleccionados xa poden facelos realidade ata o 15 de decembro deste ano. As primeiras celebraranse este domingo, a cargo do grupo Óscar Ibañez & Tribo e continuarán a semana que vén cun obradoiro de danza a cargo da coreógrafa e bailarina Kirenia Martínez.
O grupo Óscar Ibáñez & Tribo, liderado polo recoñecido e internacional frautista e gaiteiro Óscar Ibáñez, foi seleccionado polo seu proxecto Porteláns, un espectáculo de música instrumental conducido integramente en lingua galega e creado especialmente no 2020 co gallo do nacemento do célebre gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela. O concerto, que percorre o repertorio máis característico do homenaxeado desde unha perspectiva actual, busca traer ao noso tempo a música tradicional para todos os públicos.
Neste espectáculo, o frautista pontevedrés e a súa tribo, formada polos músicos Fernando Fraga, Harry C., Carlos Calviño, Paco Dicenta e Carlos Castro así coma os seus cinco técnicos, contarán coa colaboración dos artistas Pepe Romero, Jorge Maño e Adrián García, da Banda de Gaitas Suevia; Daniel García e Álvaro Rúa, da Banda de Gaitas Nova Era, e da xilofonista Carla Villanueva.
En total, a banda ofrece ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo dous concertos: o primeiro o vindeiro domingo 11 de xullo ás 22,00 h na praza Mestre Cerviño, no concello de Covelo, e o segundo o 17 de xullo ás 21,30 h no Castelo de Monterrei. As entradas serán de balde en ambos casos até completar a cabida do recinto.

Volven os talleres de danza ao Courel

Outro proxecto beneficiario deste fondo que comeza a súa andadura é Ollo do bosco, da bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, que repite no Courel cun obradoiro mixto de danza, literatura e interpretación para a creación de públicos culturais. O colexio CPI Uxío Novoneyra de Seoane acollerá esta proposta dividida en dous talleres, un para mulleres e outro para nenos e nenas que tomará como material de partida os contos do poeta do Courel, Uxío Novoneyra.

A primeira sesión para as adultas será o vindeiro martes 13 e celebrarase todos os martes de 19,00 a 20,30 horas. As actividades dirixidas a nenos e nenas serán os mércores e xoves, de 11,00 a 13,00 h. O obradoiro rematará o 3 de setembro cun espectáculo de danza bailando o conto Ilda, o lobo, o corzo e o Xabarín. As persoas interesadas de calquera idade, que poden ser tanto veciñas da serra como emigrantes que volven polo verán ou mesmo turistas poderán inscribirse a través do correo electrónico kireniacma@gmail.com.
Estas son as dúas primeiras iniciativas das máis dun millar aprobadas nesta edición. Música, obradoiros, teatro, monicreques, danza, relatorios, circo ou maxia completan a oferta cultural que a Xunta programará os vindeiros meses en colaboración cos concellos e demais entidades galegas para ofrecerlle á cidadanía sesións de ocio en lingua galega ao tempo que apoia economicamente a un dos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria causada pola covid-19.

Comparte