Nova: O concurso Peregrinos Musicais reúne a seis intérpretes internacionais co apoio da Xunta

07/07/2021

O concurso Peregrinos Musicais reúne a seis intérpretes internacionais co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación dos finalistas que competirán en setembro por un premio final de 1.000€ e a actuación como solista coa Real Filharmonía de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021.- O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Santiago na presentación do XI Festival Peregrinos Musicais -que se celebrará do 11 ao 19 de setembro- que na edición deste ano inclúe un concurso no que competirán seis intérpretes internacionais seleccionados entre máis de 40 músicos de todo o mundo. Trátase dun certame no que o finalista obterá un premio en metálico de 1.000€ e o recoñecemento do público, xa que participará activamente nas galas do festival e actuará como solista acompañado pola Real Filharmonía de Galicia.

Durante o acto, o representante da Xunta de Galicia agradeceulle aos organizadores o esforzo para adaptarse a actual situación sanitaria sen perder a súa esencia para seguir ofrecéndolle aos músicos mozos e virtuosos “a posibilidade de participar de xeito seguro nunha programación de música clásica de primeiro nivel en diferentes lugares da capital galega”. “A crise sanitaria mudou o noso xeito de entender e relacionarnos coa cultura, pero é importante que apostemos por novas fórmulas que nos permitan seguir desfrutando e que sirvan de oportunidade para os novos talentos”, salientou.

O Festival Peregrinos Musicais, tendo en conta a dimensión internacional do Xacobeo, aproveita a edición deste ano para abrirse a participantes de calquera país do mundo. Así, presentáronse ao festival 45 músicos nacionais e internacionais de países como Alemaña, Turquía, Portugal, Italia, Irlanda, Bélxica, Estados Unidos, Países Baixos ou Taiwán.

Entre todos os participantes, o xurado de Peregrinos Musicais seleccionou a seis finalistas que competirán na fase final do concurso que se celebrará, coincidindo co festival, entre o 11 e o 19 de setembro. Os intérpretes convidados serán Alexandre Arurtyunyan (violín), procedente de Portugal; Bastian Uhlig (clave), de Alemaña; Xurxo Morales (saxofón), de España; Emma Naegele (cello), de Países Baixos, e Sira Pellicer (saxofón) e Alberto Sanz (violín), procedentes de España.

Comparte