Nova: A Xunta convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades

06/07/2021

A Xunta convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades

Os galardóns recoñecen a excelencia creativa nos campos das Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior

As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade poden presentar as candidaturas ata o 2 de setembro

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de convocar unha nova edición dos Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades, uns galardóns que teñen por obxecto recoñecer o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as candidaturas ata o 2 de setembro, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

O xurado que valorará as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Xunta de Galicia, a través das áreas de Cultura e Igualdade, e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas polo Goberno galego.

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de acreditado prestixio e nun diploma acreditativo.

Recoñecemento á excelencia creativa

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na pasada edición, os galardoados foron a escritora Ledicia Costas (na modalidade de Letras), o fotógrafo Xurxo Lobato (Artes Plásticas), a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia FEGATEA (Artes Escénicas), aCentral Folque (Música), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado (Audiovisual), o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González (Lingua), a Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj (Proxección Exterior).

Comparte