Nova: A Xunta presenta unha edición facsimilar de ‘Cantigas de Santa María’ no 800 aniversario de Afonso X

30/06/2021

A Xunta presenta unha edición facsimilar de ‘Cantigas de Santa María’ no 800 aniversario de Afonso X

Trátase dunha escolma de 22 textos realizada en 1980 por Álvaro Cunqueiro e que agora recupera a Editorial Galaxia co apoio da Consellería de Cultura

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa en que se deu a coñecer o volume
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe no Pazo de San Roque a edición facsimilar da escolma das Cantigas de Santa María feita en 1980 por Álvaro Cunqueiro e que publica a Editorial Galaxia co apoio da Xunta de Galicia no marco da conmemoración do 800 aniversario do nacemento de Afonso X O Sabio.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expresou a súa satisfacción por reunir “unha vez máis o xenio de dous grandes poetas en lingua galega, un medieval e outro contemporáneo, Afonso X e Álvaro Cunqueiro, quen soubo comprender coma ninguén o tesouro que eran as Cantigas de Santa María”. Neste sentido, Valentín García sinalou que os textos marianos do Rei Sabio “colocan a Galicia e a súa lingua no cume da cultura medieval europea” e que os galegos de hoxe “non sempre somos conscientes do magnífico tesouro que, desde o punto de vista literario, pero tamén musical ou plástico, nos legou o monarca cuxo 800 aniversario celebramos neste 2021”.

Xunto con Valentín Garcia, participaron na presentación do volume Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia; Mercedes Brea, investigadora colaboradora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e unha das especialistas máis relevantes no cancioneiro mariano de Afonso X O Sabio; Pilar Lorenzo, profesora da Universidade de Santiago e investigadora en lírica medieval do Ramón Piñeiro, e Armando Requeixo, secretario e investigador do CRPIH e director da Casa Museo Álvaro Cunqueiro.

O libro Cantigas de Santa María é unha edición facsimilar da escolma de 22 composicións afonsinas realizada por Álvaro Cunaqueiro en 1980, ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao Rei Sabio. Publicado tamén no seu momento pola Editorial Galaxia con ilustracións de Xoán Ledo, a escolma selecciona aquelas cantigas que, pola súa temática, personaxes, situación ou referencias lingüísticas, interesan máis aos lectores e lectoras galegos.

O volume, dedicado “á memoria do rei-poeta” e publicado no seu día con afán de divulgar entre o gran público a súa obra, reedítase co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade con motivo do 800 aniversario do nacemento de Afonso X. No marco desta conmemoración, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades prepara tamén unha recompilación de estudos sobre o rei poeta que verá a luz nas vindeiras semanas.
 

Comparte