Nova: A Xunta convoca o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

29/06/2021

A Xunta convoca o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

Está dotado con 3.000€ e poderán optar a el as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas

Este ano, como novidade, poténciase a colaboración na formulación de proxectos entre varios concellos ou bibliotecas dunha rede municipal

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021.- O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a convocatoria do IV Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, un recoñecemento promovido pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais, con resultados positivos para os usuarios e que sexan beneficiarios para a poboación á que se dirixen.

Os proxectos que se presenten á convocatoria deberán estar xa executados. Ademais terán que estar relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en funcionamento de servizos innovadores, sustentabilidade ambiental, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da Axenda 2030.

Unha das principais novidades deste ano é que se potencia a colaboración na formulación de proxectos, xa que na convocatoria deste ano permítese a presentación conxunta de proxectos por varios concellos, aínda que non constitúan formalmente unha agrupación, así como a presentación de proxectos que abranguen varias bibliotecas dunha rede municipal.

O premio está dotado con 3000 euros e a entrega dun distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visible das instalacións así como nos seus recursos dixitais. Poderán optar a este recoñecemento as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, así como as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios común.

A primeira entidade galardoada con este premio foi, no ano 2018, a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo proxecto O berberecho rebecho viaxa a La Turballe. Na segunda edición, recoñeceuse o mapa literario de Vigo elaborado da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e a última en incorporase a este listado foi a Biblioteca Municipal de Bóveda pola súa capacidade para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que tiña en conta as circunstancias de todos os veciños ao adquirir recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros e adaptar o acceso ás súas instalacións.

Comparte