Nova: A unidade teatral da Xunta recibe mañá no Salón Teatro a Chévere e ao Centro Dramático Nacional para realizar o primeiro percorrido de 'Dramawalker Vite'

12/06/2021

A unidade teatral da Xunta recibe mañá no Salón Teatro a Chévere e ao Centro Dramático Nacional para realizar o primeiro percorrido de 'Dramawalker Vite'

O Centro Dramático Galego, o Centro #Dramático Nacional e a compañía compostelá coproducen este proxecto de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio santiagués

Paula Carballeira, Esther Carrodeguas, Manuel Cortés, Carlos Santiago e Xesús Ron compoñen o equipo encargado da escrita desta ficción sonora, que conta coas voces de 10 actrices e actores galegos para a súa dramatización

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021.- O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), é o punto de encontro que recibirá mañá, ás 12,00 horas, os participantes na presentación e no primeiro percorrido de Dramawalker Vite, unha iniciativa de mediación e creación escénica sobre a memoria do barrio compostelán, impulsada polo Centro #Dramático Nacional (CDN) en coprodución coa unidade teatral da Xunta de Galicia e co Grupo Chévere.
O director da Axencia galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o director do CDG, Fran Núñez, o asesor artístico do CDN, Fernando Sánchez-Cabezudo, e o director de Chévere, Xesús Ron, intervirán nun pequeno acto de benvida a partir do que se iniciará un paseo a pé ata Vite xunto co grupo de persoas inscritas previamente na actividade. O itinerario audioguiado, que se poderá seguir a través da conexión desde calquera dispositivo móbil coa plataforma do CDN onde se aloxa a narración dramatizada, combinarase con varias paradas en puntos estratéxicos, onde membros do equipo artístico explicarán algunhas particularidades do proxecto e de historias que recuperan a memoria do barrio de destino, ao que se chegará despois de aproximadamente dúas horas.
Dramawalker Vite compúxose a partir da escolma da documentación e de diversos testemuños conseguidos nun traballo de campo previo realizado por Chévere nos últimos meses, no que participaron activamente varias asociacións e colectivos veciñais.
Elaborouse despois unha dramaturxia a cargo dun equipo de escrita composto por Paula Carballeira, Esther Carrodeguas, Manuel Cortés, Carlos Santiago e Xesús Ron. As pezas resultantes foron dramatizadas coas voces dunha decena de actrices e actores galegos: Patricia de Lorenzo, Miguel Varela, Ricardo de Barreiro, Arantza Villar, Daniel Baamonde, Eduardo R. Cunha "Tatán", Manuel Cortés, Xesús Ron, Mónica García e Miguel de Lira. As gravacións no estudio contaron coa produción sonora de Xacobe Martínez Antelo.
Dramawalker é un proxecto orientado a crear ficcións sonoras xeolocalizadas, emprendido polo CDN en tres cidades españolas. Así, xunto ao barrio compostelán de Vite, participan nesta primeira edición da iniciativa A Cañada Real de Madrid e O Plobenou de Barcelona. O material permanecerá accesible na plataforma dixital creada polo CDN para este obxectivo, de xeito que calquera persoa interesada poida realizar o percorrido de xeito autónomo en calquera momento.

Comparte