Nova: Feijóo destaca o compromiso da Xunta coa divulgación do legado de Camilo José Cela e avanza numerosas actividades e exposicións en 2020, coincidindo cos 20 anos do seu pasamento

11/06/2021

Feijóo destaca o compromiso da Xunta coa divulgación do legado de Camilo José Cela e avanza numerosas actividades e exposicións en 2020, coincidindo cos 20 anos do seu pasamento

Eloxia o papel da Fundación Camilo José Cela ao longo destas tres décadas como dinamizadora da cultura galega e española a través do protagonista, así como a súa aposta pola innovación e a reinvención, como pon de manifesto a pinacoteca e as pontes tendidas a outros autores

Padrón (A Coruña), 11 de xuño de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co coidado e a divulgación do legado do Premio Nobel Camilo José Cela, coa organización de numerosas actividades e exposicións o vindeiro ano, coincidindo cos 20 anos do seu pasamento.

Durante o acto con motivo da celebración do XXX aniversario da Fundación Camilo José Cela, Feijóo recordou que estes eventos sumaranse aos celebrados en 2016, con motivo do centenario do seu nacemento; á remodelación da Casa Museo; e ao labor que desenvolve a fundación, “a mellor plataforma de investigación, protección e proxección da herdanza do escritor: tanto literaria, cunha análise exhaustiva dos seus manuscritos; como xornalística, con amplas escolmas dos seus artigos; e epistolar e editorial”, precisou.
O titular do Executivo autonómico eloxiou deste xeito o papel desta institución ao longo destas tres décadas como dinamizadora da cultura galega e española a través do protagonista, así como a súa aposta pola innovación e a reinvención, como pon de manifesto a pinacoteca e as pontes tendidas a outros autores.

Nesta liña, referiuse tamén ao centenar de exposicións organizadas, ademais doutras iniciativas recentes como o seminario A palabra e a imaxe, a mostra Nova York amarga, que se pode visitar agora no CGAC de Santiago, e o ciclo Mazurca para dous poetas, que se levará a cabo este mes e que hibrida música e poesía.

Feijóo aproveitou o acto para enxalzar a obra deste padronés, “un creador que, lonxe de acomodarse no seu talento, afánase por compartilo en todos os espazos da vida pública e cultural”, dixo, incidindo en que nel habita un novelista, un poeta, un académico, un viaxante e un xornalista que forman parte dunha mesma figura, unida por un denominador común de xenialidade.

Comparte