Nova: A relación de Valle-Inclán con Arxentina centra o último número da revista Cuadrante

13/01/2015

A relación de Valle-Inclán con Arxentina centra o último número da revista Cuadrante

Membros da comunidade universitaria arxentina analizan a vinculación do escritor galego co país latinoamericano a través de novos datos e enfoques

  • Un exemplar da revista Cuadrante Un exemplar da revista Cuadrante
  • Número 28 da revista Cuadrante Número 28 da revista Cuadrante
  • Anxo Lorenzo na presentación da revista Anxo Lorenzo na presentación da revista
  • Anxo Lorenzo na presentación da revista Anxo Lorenzo na presentación da revista
  • Anxo Lorenzo na presentación da revista Anxo Lorenzo na presentación da revista
  • Anxo Lorenzo na presentación da revista Anxo Lorenzo na presentación da revista

Santiago, 13 de xaneiro de 2015.- A Asociación de Amigos de Valle-Inclán vén de publicar dous novos volumes de Cuadrante. Revista Semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial de Pontevedra. Trátase dos números 28 e 29, que reúnen traballos de diversa índole sobre Valle-Inclán e que achegan novos enfoques e datos sobre a súa figura e a súa obra.

Os dous tomos foron presentados esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, polo presidente da asociación, Joaquín del Valle-Inclán, pola deputada de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; e polo director da revista, Francisco Charlín, nunha rolda de prensa que tivo lugar no Salón Teatro, en Santiago de Compostela.

Un renovador da dramaturxia e a da narrativa
No acto, o secretario xeral puxo en valor “o labor que vén impulsando a Asociación de Amigos Valle-Inclán a prol do estudo e da difusión da obra literaria do escritor pontevedrés con iniciativas como ‘Cuadrante’, que se vén editando ininterrompidamente desde hai 15 anos”. “Falamos de iniciativas que contribúen en gran medida a proxectar e a dar a coñecer entre a cidadanía a traxectoria dun dos renovadores máis destacados da dramaturxia e narrativa contemporáneas”, afirmou.

Valle-Inclán e Arxentina
En relación ao recoñecemento internacional da obra de Valle-Inclán, Anxo Lorenzo tamén destacou que a revista ‘Cuadrante’ é coñecida en universidades de toda España, así como en países como os Estados Unidos, Francia, Italia e Arxentina. “Esta proxección no plano internacional constátase nos contidos destas novas achegas da revista –dixo en alusión ao último número, no que membros da comunidade universitaria arxentina afondan na relación de Valle-Inclán con Arxentina–, así como na apertura da redacción da revista en Buenos Aires.

Novos datos e enfoques
O último número de ‘Cuadrante’ reúne unha serie de traballos que xiran arredor das relacións de Valle-Inclán con Arxentina, consideradas desde diversas perspectivas e en diferentes momentos, a través das achegas de novos datos e enfoques. Este conxunto de traballos, que pretende ser unha contribución aos estudos sobre a vida e a obra do escritor, foron realizados por catedráticos, profesores e investigadores da comunidade universitaria arxentina.

Das viaxes do escritor a Mendoza e Córdoba en 1910 e da actividade cultural levada a cabo nestas cidades ocúpanse neste número Gladys Granata de Egües e Mabel Brizuela, xunto con Damián Di Carlo, que afondan nas circunstancias políticas, sociais e literarias do momento, así como na recepción do público e da crítica.

A presenza da obra de Valle-Inclán en revistas literarias como ‘Nosotros’, analizada por Adriana Minardi, e nos programas da materia de Literatura Española Moderna e Contemporánea na Universidad de Buenos Aires desde hai case trinta anos, estudada por Vanina Beviglia e Laura Sólimo, son outros dos temas presentes no último número da revista, no que tamén ocupan un espazo central as postas en escena das obras de Valle-Inclán. É o caso da estrea, en 1964, de ‘Divinas palabras’, dirixida por Jorge Lavelli, no Coliseo de Buenos Aires; da adaptación teatral de ‘Tirano Banderas’ realizada por Lluís Pasqual e presentada no Teatro Nacional Cervantes no ano 1992; e da representación de ‘Luces de Bohemia’ no Teatro Municipal San Martín, en 1999, baixo a dirección de Villanueva Cosse.

Un estudo biográfico sobre Josefa Blanco, realizado polo seu neto, Joaquín del Valle-Inclán; a presenza do escritor na revista ‘Caras y Caretas’; a constitución do grupo cultural Amigos de Valle-Inclán a través do epistolario entre Luis Ruiz Contreras e Ángel Ossorio, e un ensaio histórico sobre a economía e a sociedade de Vilagarcía de Arousa en relación ás actividades profesionais do pai de Valle-Inclán son algúns dos temas nos que se centra o número 28 de ‘Cuadrante’.

150 aniversario do escritor
O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad vén colaborando na difusión e na posta en valor da figura e da obra de Valle-Inclán a través do seu apoio a varias iniciativas culturais promovidas polos concellos de Vilanova de Arousa e da Pobra do Caramiñal, así como pola fundación e a asociación que levan o nome do escritor, do que se cumprirá en 2016 un século e medio do seu nacemento.

Comparte