Nova: A Xunta creará o Consello de Centros Museísticos de Galicia para reforzar e mellorar a organización dos museos galegos

06/06/2021

A Xunta creará o Consello de Centros Museísticos de Galicia para reforzar e mellorar a organización dos museos galegos

Intensificará e involucrará ao sector cultural nas decisións ao incluír na súa composición representantes das principais entidades do ámbito museístico

Será o órgano asesor dos museos galegos e entre as súas funcións proporá melloras e ditaminará sobre a creación, modificación ou supresión de centros

No marco da nova Lei de Museos, abriuse o período de alegacións do decreto que regulará o seu funcionamento e a súa composición con criterios de pluralidade

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia reforzará a organización dos museos galegos coa creación do novo Consello de Centros Museísticos de Galicia, o órgano colexiado asesor adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que incluirá entre as súas funcións propor actuacións e iniciativas para mellorar o funcionamento do Sistema Galego de Centros Museísticos así como ditaminar sobre a creación, modificación ou supresión de centros.

A súa creación está fixada na Lei 7/2021 de Museos de Galicia, que se aprobou este mesmo ano. Con esta normativa o sistema galego de centros museísticos queda composto por un órgano administrativo de dirección e coordinación -a Consellería de Cultura, Educación e Universidade- os distintos tipos de centros museísticos, públicos ou privados que pasen a integrarse no Sistema e este novo órgano colexiado asesor.

Para a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia elaborou unha proposta de decreto, do que se abriu o período de consulta pública para alegacións ata o 11 de xuño. O texto normativo estrutúrase en 14 artigos nos que se destaca que estará presente, a través dos seus informes, en asuntos de relevancia para o sector cultural, tales como a creación de centros, a súa adhesión ao Sistema galego de centros museísticos, as normas regulamentarias ditadas en desenvolvemento da lei ou as medidas que axuden á mellora dos centros, entre outras.

O Consello estará composto por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e oito vogalías. Para a súa composición buscarase o máximo nivel de consulta e consenso para que estean representadas todas as realidades e intereses do sector museístico.

Ampla representación

O anteproxecto propón que as vogalías conten con dúas persoas en representación da Administración autonómica de Galicia con competencias en materia de museos, unha en representación dos centros de entidades locais proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias, unha en representación do Consello da Cultura Galega ou da Real Academia de Belas Artes por proposta destes órganos superiores, vogalía que rotaría. Tamén se contaría unha persoa en representación das universidades galegas proposta polo Consello Galego de Universidades, con rotación entre as tres universidades, e se incluiría unha persoa en representación dos centros museísticos de titularidade privada proposta pola persoa titular do órgano competente en materia de centros museísticos (carácter rotatorio), outra en representación das fundacións, asociacións e entidades de dereitos públicos ou privados de carácter profesional e outra de recoñecido prestixio no ámbito museístico.

Primer desenvolvemento normativo da Lei

O Consello de Centros Museísticos de Galicia funcionará en pleno ou en comisión permanente e pode establecer grupos de traballo específicos por razón da materia. A participación neste órgano colexiado non xerará dereitos económicos aos seus membros nin indemnizacións por asistencia.

Este novo Consello contribuirá a coordinar as políticas públicas de todas as administracións públicas e privadas neste eido tendo en conta que Galicia conta con 93 institucións museísticas de rexistradas na nosa Comunidade, nas que se inclúen centros de titularidade pública e privada. Trátase, ademais, do primeiro desenvolvemento normativo da Lei de Museos galega que entrou en vigor este mesmo ano.

Comparte