Nova: Domingo Villar súmase á conmemoración do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia, que continúa durante o verán no Gaiás

04/06/2021

Domingo Villar súmase á conmemoración do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia, que continúa durante o verán no Gaiás

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa no relatorio no que o autor compartiu co público as súas influencias literarias de Castelao

As vindeiras citas do ciclo, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, serán o 18 de xuño con María Solar e o 2 de xullo con María Canosa

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no relatorio do escritor Domingo Villar no que compartiu co público algunhas das súas influencias literarias, especialmente de Castelao. A iniciativa celebrouse no marco de 10 anos, 10 autores, 10 libros, dentro dos actos do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia que está a organizar a Xunta.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de manifesto a boa marcha desta iniciativa que deu comezo en abril e que está a permitir “estreitar o contacto entre autores e lectores, poñendo en valor a importancia da creación literaria e o consumo cultural”, indicou. Tras o paso de Arantza Portabales falando de Que me queres amor? e de Ledicia Costas de Cartas de inverno, a quenda nesta ocasión foi de Domingo Villar, que seleccionou o libro de relatos Cousas como protagonista da súa charla na que compartiu as súas impresións e recordos desta obra de Castealo co libreiro, e tamén escritor, Xacobe Pato, así como co resto do público.

10 anos, 10 autores, 10 libros terá continuidade o vindeiro venres 18 de xuño a cargo de María Solar e o 2 de xullo a cargo de María Canosa. Todos os relatorios celébranse ás 19,00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura e son transmitidas en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán, a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias ou unha mostra retrospectiva sobre os 10 anos de historia da Biblioteca.

Comparte