Nova: A Cidade da Cultura despide a exposición 'As miradas de Isaac' que recibiu máis de 26.000 visitas nos seis meses de exhibición

30/05/2021

A Cidade da Cultura despide a exposición 'As miradas de Isaac' que recibiu máis de 26.000 visitas nos seis meses de exhibición

O Museo Centro Gaiás acolleu un concerto do cuarteto de corda Grupo Instrumental S. XX para clausurar a mostra homenaxe a Díaz Pardo

A exposición, comisariada polos fillos Camilo e Xosé Díaz de Castro, chegou a preto de 2.500 escolares de primaria a través de visitas didácticas por YouTube

Aampliou dous meses máis a súa estadía no Gaiás para paliar as restricións para visitala ás que obrigaron determinados momentos da pandemia

Tras Santiago de Compostela, a mostra comezará en breve un programa de itinerancias por varias cidades galegas

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2021.- A Cidade da Cultura de Galicia despediu hoxe a exposición As miradas de Isaac cun concerto no Museo Centro Gaiás do cuarteto de corda Grupo Instrumental s. XX con todas as entradas, previa retirada de convite, esgotadas. Deste xeito especial clausurouse a primeira gran mostra realizada pola Xunta de Galicia en homenaxe á figura de Díaz Pardo, co gallo de cumprirse en 2020 o centenario do seu nacemento, e que recibiu máis de 26.000 visitantes durante os seis meses da súa exhibición no Museo Centro Gaiás, desde o pasado 6 novembro ata este 30 de maio.

A este número súmanselle os preto de 2.500 escolares de Educación Primaria que afondaron nos contidos da exposición, a través de visitas didácticas en liña realizadas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás e emitidas en directo a través da canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Ampliación da súa estadía no Museo Centro Gaiás

As miradas de Isaac tiña previsto rematar a súa estadía no Museo Centro Gaiás a principios de abril, pero finalmente ampliouse ata finais de maio para paliar as limitacións de visitantes que supuxeron as restricións na actividade e mobilidade que se activaron, en determinados momentos da pandemia, como medidas de seguridade sanitaria.

Con esta ampliación procurouse facilitar que máis persoas coñecesen esta ampla mostra, comisariada por dous dos seus fillos –Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro– conformada por máis de 500 pezas, entre obras de arte, esculturas, cerámicas, publicacións, carteis e obxectos persoais. A través delas reflectiuse a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado, responsable de iniciativas e proxectos tan relevantes, como a recuperación de Sargadelos, o Laboratorio de Formas, o Instituto Galego da Información, Ediciós do Castro ou Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Visita virtual e páxina web

Do mesmo xeito, e para compensar o peche de actividade presencial do Museo Centro Gaiás en determinados momentos pola situación da covid, a mostra contou cunha aplicación virtual, que permitía percorrer a través de calquera dispositivo móbil as dez seccións da exposición, completadas con información polo miúdo de pezas destacadas e tamén con pílulas audiovisuais que se podían descargar.

Ademais, a mostra viuse reforzada coa posta en marcha da páxina web Isaac Díaz Pardo. Memoria viva –www.isaacdiazpardo.gal– que se converteu nun espazo virtual de referencia onde concentrar e atopar todo o seu universo creativo: documentos históricos, vídeos, fotografías, material didáctico, etc.

Programa de itinerancia

Tras o peche hoxe da exposición no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela, As miradas de Isaac comezará nas vindeiras semanas un programa de itinerancias por varias cidades galegas.

Comparte