Nova: A Xunta colabora co proxecto 'A lingua de signos' para que a poboación infantil xorda poida gozar dos Bolechas

19/05/2021

A Xunta colabora co proxecto 'A lingua de signos' para que a poboación infantil xorda poida gozar dos Bolechas

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para subtitular con texto e lingua de signos 46 pezas audiovisuais dirixidas á infancia

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente desta entidade presentaron os materiais, dispoñibles xa no Portal da Lingua Galega

A Coruña, 19 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) impulsan o proxecto Os Bolechas. A lingua de signos, que fai posible que a poboación infantil xorda poida gozar coas aventuras e as aprendizaxes dos irmáns animados máis coñecidos pola cativada galega. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da FAXPG, Iker Sertucha, presentaron este serán na sede da devandita asociación os materiais que configuran o proxecto: unha guía e 46 pezas audiovisuais das series infantís dos Bolechas con subtítulos e tradución a lingua de signos. Estes materiais, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidades e a FAXPG, están dispoñibles xa no Portal da Lingua Galega.

O secretario xeral de Política Lingüística asegurou que estes vídeos en lingua de signos “supoñen un pasiño máis no acceso dos nenos e nenas xordos de Galicia aos contidos audiovisuais, o que se traduce nun avance no camiño da mellora da calidade de vida e da igualdade de oportunidades”. Ademais, con respecto á guía didáctica, sinalou a importancia de que todos os cativos e cativas galegos saiban que é a lingua de signos e mesmo que aprendan algunhas palabras que permitan un maior achegamento de toda a sociedade á comunidade de persoas xordas, “porque o coñecemento e o respecto do idioma do outro é unha garantía de entendemento e convivencia”.

Materiais para aprender gozando

Os materiais presentados inclúen 46 pezas audiovisuais a disposición na canle de YouTube de Lingua da Xunta. Delas, 42 son capítulos da coñecida serie de monicreques Os Bolechas, emitida pola TVG, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos, nos que se abordan con humor pequenos problemas cotiáns próximos ás experiencias dos cativos e cativas galegos. Estes complétanse con catro capítulos da serie Os Bolechas. As miñas primeiras Letras Galegas, os dedicados a Carlos Casares, Ánxel Fole, Manuel Murguía e Álvaro Cunqueiro. Todos eles contan desde agora con subtítulos en galego e tradución a lingua de signos.

Ademais, o Portal da Lingua Galega publica unha guía didáctica de 13 páxinas dirixida aos máis pequenos de cada casa onde Os Bolechas explican con texto e moitas imaxes que é a lingua de signos e cales son os signos empregados para a comunicación básica: saúdos, nomes de parentesco (mamá, avó...), de animais domésticos, cores... Tamén se explica que é un intérprete de lingua de signos ou como debemos dirixirnos ás persoas xordas para facilitarlles a comunicación.

Comparte