Nova: Román Rodríguez anima a fomentar a lectura desde a infancia na inauguración da 40ª Feira do Libro de Santiago

08/05/2021

Román Rodríguez anima a fomentar a lectura desde a infancia na inauguración da 40ª Feira do Libro de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade pon en valor as medidas a prol do libro que se impulsan desde o ámbito educativo e fai un chamamento para devolverlle aos profesionais “o moito que nos deron durante o confinamento”

A de Compostela é a segunda cita do calendario impulsado pola Xunta e Federación de Libreiros de Galicia que inclúe 12 paradas ata agosto

 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da 40ª edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda das citas do calendario impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia que inclúe un total de 12 paradas en diferentes cidades e vilas galegas ata o mes de agosto.

O titular de Cultura aproveitou a apertura desta feira para facer un chamamento á cidadanía e animar á sociedade a fomentar a lectura desde a infancia e a continuar achegándose á cultura para devolverlle aos profesionais e creadores “o moito que nos deron durante o confinamento”. “Este é o momento de mercar libros, gozar da lectura e agradecerlle ao sector o que fixo por nós nos meses máis duros da pandemia, abrindo portas desde a que evadirnos e superar momentos de tanta incerteza”, afirmou.

Neste senso, Román Rodríguez lembrou que a colaboración con esta cita enmárcase no firme compromiso do Goberno galego co sector das letras, que se reflicte nas diferentes iniciativas que se impulsan desde a Consellería como as medidas específicas para o libro incluídas no Plan de reactivación aprobado pola Administración autonómica. Así mesmo, o conselleiro referiuse, entre outras, ao labor nas bibliotecas escolares para fomentar a lectura nos centros educativos, ao apoio a certames literarios e novas publicacións ou ás diferentes liñas de axudas postas en marcha para dinamizar o sector.

Para rematar, o conselleiro da Xunta de Galicia destacou que esta cita coincide co Mes das Letras e referiuse á importancia de que a súa clausura sexa, precisamente, o 17 de maio. “Sempre é bo momento para desfrutar da nosa cultura, pero esta feira do libro é unha estupenda ocasión para coñecer e divulgar o enorme legado Xela Arias, unha muller pioneira, moderna, transgresora e comprometida á que este ano homenaxeamos no Día das Letras Galegas”.

Firma de libros e descontos

A 40ª Feira do Libro de Santiago, que se poderá visitar no Paseo Central da Alameda, inclúe a asistencia de máis de 60 autores para asinar exemplares. Concretamente, participarán na cita profesionais como Arantza Portabales, que hoxe exerceu como pregoeira; Estefanía Padullés, Yolanda Castaño, Luz Darriba, Antón Reixa, Manuel Gago ou Suso Bahamonde, entre outros.

A programación deseñada pola Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Xunta tamén contempla a participación de seis librarías: Libraría Pedreira, Libraría Cortizas, Libraría Aenea, Libraría A Gata Tola, Lorca Libros e Libraría Ler. Ademais, todos os asistentes contarán cun 10% de desconto nas súas compras.

A de Santiago é a segunda cita do circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 que, tras o seu paso por Compostela continuará en O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.

Comparte