Nova: Os museos da Xunta ofrecen unha vintena de mostras e actividades durante a Semana Santa

31/03/2021

Os museos da Xunta ofrecen unha vintena de mostras e actividades durante a Semana Santa

As persoas que visiten estes centros poderán gozar de diferentes disciplinas artísticas, arqueoloxía e visitas guiadas

  • Exposicións no Centro Galego de Arte Contemporáneo Exposicións no Centro Galego de Arte Contemporáneo
  • Exposición Vestir Épocas, no museo de Belas Artes da Coruña Exposición Vestir Épocas, no museo de Belas Artes da Coruña
  • Exposición Faraón. Rei de Exipto, na Cidade da Cultura Exposición Faraón. Rei de Exipto, na Cidade da Cultura
  • Exposición Faraón. Rei de Exipto, na Cidade da Cultura Exposición Faraón. Rei de Exipto, na Cidade da Cultura
  • Exposición Crebas, no Museo do Mar Exposición Crebas, no Museo do Mar

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021.- A Rede de Museos xestionados pola Xunta ofrecen diversas mostras e actividades que representan unha interesante alternativa cultural para os días da Semana Santa. As persoas que visiten estes centros poderán gozar de diferentes disciplinas artísticas, arqueoloxía e a posibilidade de participar en visitas guiadas pensadas tamén para o público familiar.

No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia vén de inaugurarse a exposición Faraón. Rei de Exipto, composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos e visitados museos do mundo. Súmase así a Os brancos segredos do seu ventre, unha selección de 53 pezas de recoñecidos artistas de arte contemporánea e Ás miradas de Isaac, a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo tralo seu falecemento.

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Compostela acolle Imaxes de pedra, unha viaxe polo Camiño de Santiago que se fixa en detalles da monumental escultura románica da man da doutora en Belas Artes, Rosa Elvira Caamaño Fernández. Neste centro tamén se pode visitar Arquitecturas debuxadas Compostela, un compendio de arquitecturas configurado arredor da catedral e da cidade de Compostela a cargo do arquitecto, debuxante e pintor madrileño Santiago Catalán.

Museo CGAC

Outro dos museos da Xunta situado en Santiago de Compostela, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), vén de abrir a mostra Accións peregrinas da artista sevillana Pilar Albarracín, unha das creadoras clave na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa do pasado século. Xunto a esta, permanecen abertas no CGAC Pauline Oliveros. Retrospectiva, centrada na música electrónica, e Breaking the Monument, unha selección de obras de artistas procedentes de contextos culturais moi diferentes. Súmaselle a exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, comisariada por Ángel Cerviño, unha selección de traballos realizados polo alumnado que pasou polas aulas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con motivo do seu 30º aniversario.

Cómpre sinalar tamén que o CGAC ofrece visitas guiadas con cita previa de martes a venres, así como o primeiro sábado de cada mes, neste caso centrada na arquitectura e a historia do centro, e todos os domingos ás 12,00 horas ás exposicións temporais. Para as visitas da fin de semana non é precisa reserva.

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrécelles aos visitantes un percorrido pola moda do período 1860-1960 a través da colección González Moro reunida na mostra Vestir épocas. Nela pódense contemplar máis de 300 pezas, entre obxectos e prendas de vestir, pertencentes á dama coruñesa Ana González Moro, que mostran as formas e gusto de vestir en Galicia nas distintas épocas que abrangue o legado.

Museo do Mar e Massó

Pola súa banda, o Museo do Mar de Vigo acolle a exposición Crebas, unha serie fotográfica realizada nun areal da Costa da Morte, na que Manuel Sendón ofrece a súa visión dos obxectos arrastrados polo mar á costa. Reúne 30 fotografías de gran formato e un políptico de 60 máis pequenas.

Ademais, neste mes de abril haberá visitas guiadas os sábados e domingos ao centro, ás 12.30 e ás 18,30 h., e á única salina mariña de evaporación solar conservada de todo o Imperio Romano, Salinae, ás 11,15 e 12,30 h. Outra das actividades previstas é a visita ao acuario para coñecer os tiburóns que habitan nel e os seus segredos, os sábados e domingos ás 11,15 e ás 17,15 h. A participación nestas actividades precisa cita previa. A maiores, as familias que visiten o museo ao longo do mes poderán tamén participar no xogo de pistas e investigar polas salas para descubrir un misterio.

O Museo Massó, situado en Bueu, ofrece a exposición permanente A conquista do mar e a explotación dos seus recursos, un percorrido pola navegación e as disciplinas que contribuíron ao seu desenvolvemento, como a astronomía, a xeografía ou a construción naval. Centrado na actividade industrial desenvolvida pola familia Massó, inclúense tamén material arqueolóxico e embarcacións tradicionais da Ría de Pontevedra, entre outras pezas. Hai visitas guiadas todos os sábados de 12,30 a 14,30 h.

Museos arqueolóxicos

As persoas interesadas na arqueoloxía poden visitar nestes días os diferentes museos e centros de interpretación relacionados coa prehistoria, a arte rupestre e a cultura castrexa. Así, o Museo do Castro de Viladonga ofrece a posibilidade de realizar un percorrido polo xacemento e achegarse á comprensión da cultura castrexa tras a conquista romana. Nestas datas o museo acolle tamén a mostra O itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo e unha exposición conmemorativa do seu 50º aniversario.

Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Las, en Ourense, ofrece a través dunha innovadora exposición todas as claves para coñecer os aspectos máis relevantes e enigmáticos desta cultura. Hai visitas guiadas de martes a venres, con reserva previa, e as fins de semana ás 12,00 ao centro de interpretación e ás 12,30 á área arqueolóxica. Precisamente unha sala destas instalacións acolle nestas días a mostra Fondos Pétreos, do Museo Arqueolóxico de Ourense, pechado ao público por mor de obras.

Canto á arte rupestre, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ofrece a partir de mañá e ata o domingo actividades dirixidas ao público familiar, como obradoiros, ás 11,00 h e unha visita guiada ás 17,00 h, ademais doutras dúas visitas guiadas ao día para o público xeral, ás 12.30 e ás 18,30 h. A participación nestas actividades precisa reserva previa. As persoas que prefiran visitar o recinto pola súa conta, poden facelo de 10,00 a 20,00 h.

No Museo Etnolóxico de Ribadavia pódense visitar diferentes exposicións centradas na pesca fluvial, na vestimenta galega, na tradición téxtil, na olaría e na arte galega no desafío cultural dos anos 70. Tamén acolle a mostra San Cipriano Mago e Santo. Pola súa banda, o Museo do viño de Galicia situado neste mesmo concello ourensán mostra xunto á súa exposición permanente O viño nos camiños de Santiago.

Comparte