Nova: A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario colaborarán para recuperar a Fonte de Troncoso

28/12/2020

A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario colaborarán para recuperar a Fonte de Troncoso

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde, José Antonio Lorenzo, visitaron este ben catalogado, obra do arquitecto galego Antonio Palacios

O conxunto, que acaba de ser cedido ao Concello por decisión xudicial, presenta problemas de conservación debido á falta de mantemento

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 28 de decembro de 2020.- A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario colaborarán na recuperación e rehabilitación da Fonte de Troncoso, un ben catalogado e protexido que conta con importantes problemas de conservación. Así o anunciaron hoxe nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, á que tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Mª Luisa Piñeiro.

O conxunto, proxectado polo arquitecto galego Antonio Palacios a comezos do século XX, acaba de ser cedido ao Concello de Mondariz-Balneario por decisión xudicial e presenta un estado moi deteriorado, o que fai preciso intervir sobre ela.

Agora, ambas institucións colaborarán xuntas para recuperar este conxunto e poñer en valor o legado de Antonio Palacios, o arquitecto do Porriño que conta con numerosas obras tanto en Galicia, como no resto de España.

Durante a súa visita, o titular de Cultura da Xunta subliñou o valor patrimonial da Fonte de Troncoso e asegurou que apostar pola súa recuperación “supoñe tamén poñer en valor o legado do arquitecto Antonio Palacios, un dos grandes nomes da arquitectura que superou as fronteiras do seu Porriño natal e de Galicia cara a capital de España, onde deixou unha profunda e recoñecida pegada creativa”.

Reforzo dun 19% en patrimonio nos orzamentos de 2021

Esta actuación enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación, restauración e rehabilitación do patrimonio cultural galego. No caso da provincia de Pontevedra, o Goberno autonómico ten en marcha preto de 15 actuacións entre as que se inclúen as obras de na igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra, a restauración do Mosteiro de Santa María de Oia, a actuación en Santo Estevo de Negros (Redondela) ou na Catedral de Tui, entre outras.

Este compromiso reflíctese tamén nos orzamentos do vindeiro ano, onde a partida para actuacións de conservación e restauración do Goberno autonómico se incrementa nun 19%.

Comparte