Nova: A Xunta, o Parlamento e o Foro Enrique Peinador convocan os XXVII Premios de Publicidade en Galego

01/12/2020

A Xunta, o Parlamento e o Foro Enrique Peinador convocan os XXVII Premios de Publicidade en Galego

Estes galardóns recoñecen traballos que dinamizan o uso da nosa lingua neste eido na radio, televisión, internet, prensa escrita e centros de formación de especialistas

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Parlamento Galego e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego. Os responsables das tres entidades convocantes, Valentín García, Miguel Ángel Santalices e Xosé González, formalizaron nunha xuntanza na sede parlamentaria os detalles desta edición 2020 dos coñecidos galardóns que recoñecen traballos que dinamizan o uso do galego desde o ámbito da publicidade.

Así, a convocatoria, de natureza aberta e participación voluntaria, premiará accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019. A modalidade dirixida ao alumnado recoñecerá traballos relacionados coa publicidade e realizados no curso 2019-2020.

Farao desde cinco categorías: radio, televisión, internet, prensa escrita e centros de formación de futuros profesionais do ámbito- e aprobar a convocatoria. O prazo de inscrición na convocatoria e a presentación dos traballos, que deben formalizar empresas anunciantes e axencias de publicidade, no caso das catro primeiras categorías, e os centros de ensino, no caso da quinta, rematará o vindeiro 30 de decembro.

Os premios serán entregados no Parlamento de Galicia durante o primeiro trimestre de 2021 e consistirán nunha certificación e unha obra artística.

Promover o idioma propio de Galicia desde a publicidade

Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG, convócanos conxuntamente a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador e recoñecen na súa convocatoria 2020 accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

Na pasada edición, resultaron premiados os proxectos Benvidos novos Larseiros!, da empresa Larsa e a axencia BAP Conde; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás, (con dous galardóns, na categoría de televisión e de prensa); Queixos Hoxe, da Cooperativa HOXE e a axencia Pío García Audiovisuais, S.L., e Stop_Bullyng, do IES Leixa de Ferrol (A Coruña).

Comparte