Nova: O Mercado da Estrela abre as súas portas esta fin de semana no CGAC

20/12/2014

O Mercado da Estrela abre as súas portas esta fin de semana no CGAC

Cultura ten previstas máis de 70 actuacións durante as datas de Nadal nos museos e bibliotecas que dependen dela

  • Mercado da Estrela 2014 Mercado da Estrela 2014

Santiago, 20 de decembro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle unha serie de actividades a longo de decembro e xaneiro, con motivo das festas de Nadal. Estas iniciativas enmárcanse dentro do conxunto da programación que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten despregado nestas datas nos museos e bibliotecas da súa titularidade por toda Galicia. Durante esta fin de semana, as instalacións do Museo acollen a terceira edición da feira creativa Mercado da Estrela, na que artesáns, produtores e emprendedores amosarán o seu traballo e darán a coñecer as súas coleccións de ilustración, moda, bixutería, complementos, fotografía, bonecos, decoración, obxectos para o fogar, papelería, adornos de Nadal, produtos enogastronómicos e agroalimentarios e postos solidarios.

O mercado complementarase con obradoiros lúdicos e interxeneracionais e un servizo de gardería- ludoteca para os cativos. As xornadas estarán amenizadas por bandas musicais que presentarán os seus últimos traballos.

Talleres de Nadal
Este Nadal o CGAC presenta dous talleres impartidos polos artistas Xesús Carballido e Rebeca Mariño dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos. Os participantes poderán reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea a partir das mostras de Carlos León e Rosendo Cid e da súa vinculación co obxecto artístico. Poderán xogar, coñecer, comunicarse e mergullarse nos procesos creativos a través de linguaxes, soportes, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Os días 22 e 23 de decembro Xesús Carballido impartirá o taller ‘Cativarte’ para nenos e nenas de 4 a 6 anos. O artista propón crear a partir dos materiais cotiáns que os pequenos teñan na casa. Traballarán cos seus propios xoguetes rotos, con contos vellos ou con esas outras cousas que adoitamos tirar ao lixo ou gardar eternamente para usalas nalgún momento (chaves, abelorios, clips, botóns…). Con esa materia prima tan especial crearán un cadro tridimensional persoal mesturando diversas técnicas artísticas como o debuxo, a pintura, a colaxe e a ensamblaxe.

Os días 29 e 30 de decembro Rebeca Mariño desenvolverá un taller vinculado ao cinema para nenos e nenas de 7 a 9 anos titulado‘Teutropo’. Neste obradoiro os participantes achegaranse á imaxe en movemento mediante o deseño de diferentes xoguetes ópticos. A través do debuxo, da fotografía e do uso do corpo como modelo crearán fotogramas para os seus enxeñosos aparellos. Construirán traumatropos, zootropos e os seus propios tropos.

Os talleres son gratuítos e terán un horario de 11.00 a 13.00 h. As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 1 de decembro enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es no que se indique o nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, o número de teléfono, o enderezo de correo electrónico, e o nome do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.

Doutra banda, tamén estas datas son unha boa oportunidade para achegarse ao CGAC e poder contemplar as tres exposicións que na actualidade se manteñen abertas ao público e que son ‘Hospitalidade’, con obras da colección do CGAC; a mostra ‘A orde das primeiras cousas’, de Carlos León; e ‘O enxeño da escaleira’, de Rosendo Cid.
 

Comparte