Nova: Contacontos e obradoiros creativos para os máis cativos na Biblioteca Nodal de Vigo

19/12/2014

Contacontos e obradoiros creativos para os máis cativos na Biblioteca Nodal de Vigo

Estas actividades enmárcanse no conxunto das máis de 70 iniciativas que Cultura organiza no Nadal nos museos e bibliotecas que dependen dela

  • Actividades no Nadal para os pequenos e pequenas na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo Actividades no Nadal para os pequenos e pequenas na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo

Santiago, 19 de febreiro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten programado para estas datas de Nadal unha serie de actividades dirixidas aos máis cativos na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo. Esta programación forma parte das más de 70 actividades que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad deseñou para os museos e bibliotecas da súa titularidade en toda Galicia con motivo das festas de decembro e principios de xaneiro.

Así, xa mañá sábado día 20 os máis pequenos poderán gozar dunha sesión de ‘Contos de Nadal’ con temática tan variada como o frío, o inverno, a neve, o turrón, os agasallos, e o amor, entre outros. Esta sesión, que terá lugar ás 12,00 da mañá, vai dirixida a nenos e nenas a partires de 3 anos de idade.

O luns 22 e o martes día 23 está previsto un taller de deseño de felicitacións de Nadal con MS Paint. Trátase dun obradoiro dirixido a nenos de entre 8 e 12 anos para que eles mesmos poidan deseñar as súas postais mediante o emprego de programas específicos para elo.

Os sábados 27 de decembro e 3 de xaneiro a partires das 12,00 da mañá está previsto que o carteiro real visite as instalacións da Biblioteca para que se acheguen os nenos para facerlle entrega das cartas aos reis magos.

Tamén en xaneiro, concretamente o día 10, hai programada outra sesión de contos, ‘Contos cos catro sentidos’, para nenos de a partires de 3 anos de idade, onde se traballará con material que se poderá contar, ulir, ver e escoitar.

Finalmente, a programación de nadal rematará o 15 de xaneiro con ‘Shhhhhhhh’, unha narración oral para o pequerrechos de 0 a 3 anos onde se contarán segredos para non rifar, para non pegar ou para non empurrar.

Comparte