Nova: O Gaiás conta este Nadal cun punto solidario de recollida de xoguetes

18/12/2014
O Gaiás conta este Nadal cun punto solidario de recollida de xoguetes
Os regalos serán repartidos por Cáritas o Día de Reis
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con Cáritas durante estas festas de Nadal a través dun punto solidario de recollida de xoguetes no Gaiás, que a entidade repartirá o Día de Reis.
Durante a sinatura do convenio co director de Cáritas, Ginés Plaza, o conselleiro Xesús Vázquez Abad convidou a todos os galegos que durante estas festas se acheguen á Cidade da Cultura a depositar no Museo Centro Gaiás un regalo e colaborar con Cáritas para contribuír a facer felices durante estas datas aos que máis o precisan.
O depósito dos regalos realizarase desde este venres, 19 de decembro, ata o martes 6 de xaneiro, no horario habitual do Museo Centro Gaiás: de 11 a 20 horas. A este respecto, Cultura e Educación recorda que tanto o 25 de decembro, día de Nadal, como o 1 de xaneiro, o Museo pechará ás súas portas, así como o 24 e 31 de decembro a partir das 14:00 horas.
A recollida de regalos coincide coa programación de ‘Nadal no Gaiás’, actividades de todo tipo pensadas para gozar en familia no que os pequenos serán os protagonistas. ‘Nadal no Gaiás’ arranca precisamente este domingo, 21 de decembro, con ‘Rolf & Flor no Círculo Polar’ dos Pinker Tones e continuará luns e martes cos obradoiros ‘Dálle á manivela polo Gaiás’ co músico Germán Díaz e ‘Baile de Xogos’. O sábado 27 será a quenda da obra teatral ‘Al Tun Tun’ á que seguirán os obradoiros ‘O meu videoclip’ e ‘Cine de plastilina’, para rematar o 3 de xaneiro coa outra actividade solidaria do Gaiás: ‘Cancións por regalos’.
Á marxe da programación de Nadal, todos os días haberá unha excusa para subir á Cidade da Cultura e depositar os regalos como gozar coa exposición ‘Cinegalicia25’, un repaso dos cinco lustros do audiovisual galego, ou da intervención artística de Félix Fernández nas Torres Hejduk que leva por título ‘Subtextos dun patrón de mantemento’.