Nova: A Xunta colabora na proxección internacional do cinema galego coas axudas para a súa promoción no circuíto de festivais

16/10/2020

A Xunta colabora na proxección internacional do cinema galego coas axudas para a súa promoción no circuíto de festivais

O DOG publica hoxe a convocatoria destas subvencións, a través das que se invisten 40.000 euros nas campañas de difusión de filmes que teñan sido seleccionados nalgunha das preto de 40 mostras dunha vintena de países que especifican as bases

A través desta liña de apoio, a Consellería de Cultura contribuíu en 2019 ao percorrido por destacados certames internacionais das premiadas ‘O que arde’, ‘Longa noite’, ‘A media voz’ ou ‘Arima’, entre outras fitas

 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria anual de subvencións para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, a través das que Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe con 40.000 euros ás campañas de promoción dos filmes galegos seleccionados nalgúns dos máis destacados certames do circuíto mundial.

Neste sentido, as bases relacionan 38 festivais dunha vintena de países con data de celebración entre o pasado 1 de xaneiro e o vindeiro 30 de novembro, incluíndo 19 dos recoñecidos pola Federación Internacional de Asociacións de Produtoras Cinematográficas (FIAPF), como a Berlinale (Alemaña), Mar del Plata (Arxentina), Cannes (Francia), Shanghai International Film Festival (China), Karlovy Vari (República Checa), Locarno (Suíza), Biennale de Venecia (Italia), San Sebastián ou Sitges, entre moitos outros.

Como en anos anteriores, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca estas axudas en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que se adxudicarán por orde de entrada no rexistro a todas aquelas solicitudes que cumpran os requisitos e se presenten ata o 16 de novembro ou ata o esgotamento da partida orzamentaria reservada para elas.

Gastos de publicidade e difusión

A Xunta cofinancia, entre outros gastos, as campañas de publicidade, a elaboración e o transporte do material de promoción específico, a contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, o desprazamento e a estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e a tiraxe e/ou subtitulado das copias. Búscase así contribuír a poñer en valor o traballo dos produtores e creadores, así como a situar Galicia no mapa cinematográfico internacional.

A través desta liña de apoio, en 2019 a Consellería de Cultura colaborou economicamente coas campañas de promoción dunha decena de traballos con produción galega ao seu paso por algúns dos principais certames do circuíto mundial. Entre elas, por exemplo, as premiadas O que arde, de Oliver Laxe, en Cannes, San Sebastián, Chicago, Nova York e Hainan (China); Longa noite, de Eloy Enciso, en Locarno e Toronto; A media voz, de Matriuska Producciones, en Ámsterdam, ou a estrea de Arima, de Jaione Camborda, no Festival de Cine de Sevilla.

 

Comparte