Nova: A Fundación Camilo José Cela retoma a súa actividade expositiva coa mostra ‘Camiños (IN)certos’ como antesala do Xacobeo 2021

25/09/2020

A Fundación Camilo José Cela retoma a súa actividade expositiva coa mostra ‘Camiños (IN)certos’ como antesala do Xacobeo 2021

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra que poderá verse ata o 22 de xaneiro

Doce mulleres artistas presentan pezas heteroxéneas nas que se inclúen desde videocreación, performance ou grafitis, entre outras

 

Padrón (A Coruña), 25 de setembro de 2020.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional na Fundación Camilo José Cela, a nova proposta coa que a Fundación retoma a actividade expositiva que tivo que ser paralizada pola situación sanitaria. A exposición concíbese na antesala do Xacobeo 2021 e nela participan 12 artistas que a través das súas obras fan unha referencia simbólica á novela La colmena -que en primeira instancia concibiuse como a primeira parte dunha triloxía baixo o título Caminos inciertos- e interactúan cos espazos expositivos en alegoría á actual situación.

Durante a inauguración, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a aposta da Fundación por garantir propostas culturais como esta seguindo os criterios de seguridade que esixe un complexo momento como o actual. Puxo de manifesto, ademais, a “excelente” contribución e esforzo das artistas participantes que nalgúns casos tiveron que adaptar as súas propostas aos protocolos covid e que presentan un traballo que, como indicou Anxo M. Lorenzo, axudará a seguir dando pasos na progresiva reactivación da actividade expositiva en Galicia.

Neste sentido, o secretario xeral de Cultura recordou tamén o compromiso do Goberno autonómico con este sector a través de varias liñas simultáneas de apoio ás artes plásticas, cun investimento superior aos 600.000 euros incluído dentro do Plan de Reactivación do sector cultural que conta, ademais, cunha nova liña de axudas para incentivar a investigación con fins expositivos, para a que está aberto o prazo de solicitudes.

Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional conta coa participación de artistas galegas ou vinculadas con Galicia como Pilar Boullosa, Sara Coleman, Iria do Castelo, Iria Fafián, Carla Souto, Paula Noya, Sesé Santiso, Marta Bran, Isabel Seidel, Basilisa Fiestras, Ana Gesto e Carla Andrade. Poderá visitarse desde hoxe e ata o vindeiro 22 de xaneiro.

A través das pezas da exposición, concibida como unha alegoría da situación actual e antesala do Xacobeo 2021, e na que se inclúen desde performance, grafitis ou videocreación, entre outras, as artistas afondan en temas como diversas problemáticas sociais, teimas relacionadas coa precariedade laboral, coa maternidade ou coa inseguridade na vida creativa, cuestións vencelladas ao territorio, entre outras.

 

Comparte