Nova: A compañía Cámara Negra estrea no Salón Teatro en coprodución co CDG o espectáculo ‘Clausura do amor’

16/09/2020

A compañía Cámara Negra estrea no Salón Teatro en coprodución co CDG o espectáculo ‘Clausura do amor’

O escenario compostelán acollerá catro funcións da montaxe a partir de mañá xoves e ata o domingo día 20

Carlos Álvarez-Ossorio leva a escena o texto orixinal de Pascal Rambert coa interpretación a cargo de Teté García e Xosé Manuel Esperante

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020.- A compañía de teatro Cámara Negra estrea mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela Clausura do amor, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego que poderá verse no escenario da súa sede ata o domingo día 20. Trátase dunha das pezas máis representadas do autor, director e coreógrafo francés Pascal Rambert, levada a escena con versión e dirección de Carlos Álvarez-Ossorio e interpretación a cargo de Teté García e Xosé Manuel Esperante.

Na obra, estreada no Festival de Avignon e traducida a máis de dez idiomas, o dramaturgo francés somete unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dunha relación en proceso de defunción. Os dous intérpretes defenden unha posta en escena de resistencia física e emocional, encarando un texto visceral sobre o fin amor. É, en definitiva, un duelo verbal que parte da dor, do medo e da liberación, sen máis concesións que as da actuación e a palabra. Constitúe un combate devastador a través dunha intensa linguaxe que atopa os seus mellores aliados no humor acedo, no traballo de creación moi físico e na investigación a través da improvisación escénica.

Clausura do amor é una das cinco coproducións do CDG que tiveron que atrasar o seu encontro co público no Salón Teatro por mor do estado de alarma decretado pola pandemia. A estrea estaba planificada inicialmente para a primavera pasada, do mesmo xeito que as funcións das outras catro montaxes participadas pola Xunta de Galicia a través do CDG que tiveron que pospoñer a súa exhibición: Microspectivas dunha heterosexual insatisfeita, Poeta en Nova York, O premio, e Crónicas dun marica millennial.

A función de estrea de Clausura do amor será finalmente mañá ás 20,30 h., o mesmo horario que as do venres e sábado; en tanto que o domingo adiántase ás 18,00 horas. As 60 localidades dispoñibles para cada pase xa están á venda anticipada en liña a na web http://entradas.abanca.com Tamén poden mercarse no despacho de billetes do teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.

Comparte