Nova: Chega a Cee a mostra ‘Facer camiño’ con pezas de artistas galegos inspiradas na Ruta Xacobea

08/09/2020

Chega a Cee a mostra ‘Facer camiño’ con pezas de artistas galegos inspiradas na Ruta Xacobea

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, inauguraron a exposición que permanecerá aberta ata o 30 de setembro na Casa da Cultura

Manuel Buciños, Menchu Lamas ou Acisclo Manzano son algúns dos creadores das pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas, todas elas asociadas co Camiño

Cee (A Coruña), 8 de setembro de 2020.- O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron hoxe na casa da cultura de Cee a mostra Facer Camiño. Trátase dunha exposición na que participan 12 dos máis destacados artistas galegos asociando a arte co Camiño de Santiago.

Durante a inauguración da mostra, Anxo M. Lorenzo salientou a capacidade de Facer camiño para asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago” e a importancia dos académicos que participan nesta “peregrinación artística”. “Trátase dunha nómina extraordinaria de artistas de diferentes xeracións que abordan a arte desde diversos medios expresivos e estilos e que comparten dúas características: formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes e ser creadores recoñecidos e fortemente valorados”, afirmou.

A itinerancia desta exposición arrancou en Vigo e paso por A Coruña e Tui. Nos próximos meses chegará tamén as cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Ferrol, así como a vila de Mondoñedo, asociada ao territorio histórico das Rutas Xacobeas.

Escolma do talento galego

Así, ata o vindeiro 30 de setembro, poderase visitar na localidade de Cee a mostra comisariada por Asunta Rodríguez e que reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Descentralización do Xacobeo 2021

A mostra inaugurada este serán enmárcase no marco de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración o pasado mes de xuño. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia inviste preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra. de xeito monográfico. en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.

Comparte