Nova: A Xunta licita por 90.000 euros a restauración da cuberta da igrexa de San Xurxo de Torres no Concello de Vilarmaior

18/08/2020

A Xunta licita por 90.000 euros a restauración da cuberta da igrexa de San Xurxo de Torres no Concello de Vilarmaior

O proxecto inclúe tamén varias actuacións no arco toral e enmárcase na colaboración coa Diocese de Santiago para mellorar varios inmobles eclesiásticos

Unha vez adxudicado o contrato, as obras terán unha duración máxima de dous meses e permitirán acadar a conservación estrutural deste ben catalogado

  • Igrexa de San Xurxo de Torres no Concello de Vilarmaior, A Coruña

Ferrol, 18 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia vén de licitar cun investimento de 90.200 euros as obras de restauración da igrexa de San Xurxo de Torres no Concello de Vilarmaior, un investimento que suporá a mellora estrutural deste ben catalogado e que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura e Turismo mantén coa Diocese de Santiago de Compostela para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración máxima de dous meses e con elas solucionaranse algúns problemas que o templo amosa na actualidade especialmente na súa estrutura e permitirá impulsar o seu valor patrimonial e cultural

O estado actual da Igrexa de San Xurxo de Torres aconsella a execución duns traballos que actúen sobre as gretas e desprazamentos na zona sur do arco toral e na zona leste do muro sur así como sobre os problemas de estanquidade e filtracións na cuberta.

Neste sentido, o contrato resolverá estas necesidades con varias actuacións que incluirán a revisión da dimensión real das gretas no arco toral e cosido mediante variñas de aceiro inoxidable, revisión do muro sur e execución dunha drenaxe perimetral e cubrición da súa cimentación. Tamén se realizarán probas xeotécnicas para o reforzo do terreo, así como a substitución da estrutura por unha solución similar empregando materiais de madeira de castiñeiro, entre outras accións.

Do mesmo xeito, prevese o cambio do falso teito e tamén da cuberta existente, neste caso por unha solución de tella curva ou equivalente sobre placas de fibrocemento. O proxecto inclúe a disposición dunha drenaxe perimetral que recolla as augas da cuberta.

 

Ben catalogado

Situada nun entorno rural, a Igrexa de San Xurxo de Torres de Vilarmaior é un ben catalogado situado ás portas do camposanto, rodeada por un murete perimetral. Trátase dun templo de planta rectangular, cunha soa nave e presbiterio rectangular, á que se lle engadiu no seu muro setentrional a sancristía. O interior do edificio é de gran sobriedade do que cabe destacar un sinxelo retablo no altar maior.

Coa posta en marcha destas actuacións, a Xunta de Galicia continúa afondando no seu compromiso por garantir a conservación e protección dos bens de interese patrimonial que favorezan, ademais, a súa promoción e divulgación.

 

 

* Foto do Concello de Vilarmaior, A Coruña

 

 

Comparte