Nova: A Xunta abre unha novidosa liña de apoio ás librarías para o desenvolvemento de actividades de difusión do libro por 150.000€

06/08/2020

A Xunta abre unha novidosa liña de apoio ás librarías para o desenvolvemento de actividades de difusión do libro por 150.000€

  • As subvencións irán destinadas a accións como presentacións, encontros ou lecturas realizados nos establecementos ou a través da rede
  • Trátase dunha medida do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, que recolle máis de 2,2M€ para o impulso do sector do libro e as bibliotecas
  • l A Xunta abre unha novidosa liña de apoio ás librarías para o desenvolvemento de actividades de difusión do libro por 150.000€

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020.- A Xunta unha nova liña de axudas por 150.000€ para actividades de difusión do libro e a lectura realizadas polas librarías galegas. Trátase dunha medida recollida no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para favorecer a reactivación destas industrias tras a crise sanitaria e que recolle máis de 2,2 millóns de euros en diferentes accións para o impulso do sector do libro e as bibliotecas.

Así, segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) poderán optar a estas axudas os titulares de librarías que desenvolvan a súa actividade en Galicia. En concreto, as achegas irán destinadas a actividades como presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares levadas a cabo no espazo físico do establecemento libreiro, así como actos de difusión dos libros e a lectura realizados a través da páxina web e redes sociais da libraría ou accións de difusión en prensa, radio, internet ou a través doutros medios. Estas actividades deberán realizarse desde a resolución desta orde ata o 30 de novembro de 2020.

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de xeito telemático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde. Entre os documentos que deberán presentar inclúese unha memoria detallada das actividades de difusión que se van levar a cabo ben na libraría ou a través das redes sociais e outros soportes. No caso das actividades presenciais valorarase especialmente aquelas propostas que celebren alomenos cinco actividades, os actos que formen parte dun ciclo, aqueles que conten coa presenza dun autor, un escritor, ilustrador ou traductor ou aquelas accións que fomenten a inclusión e a diversidade.

 

Axentes esenciais na dinamización cultural

A convocatoria desta liña de subvencións ten por obxectivo apoiar as librarías non só como puntos esenciais na venda e comercialización de libros, senón como axente cultural e activo indispensable para a industria do libro e a consolidación do tecido cultural da sociedade. Do mesmo xeito, trátase de espazos fundamentais de mediación e dinamización cultural a través do contacto entre autores e lectoras.

Estas axudas súmanse ás publicadas onte, cun importe total de 200.000€, para apoiar ao sector editorial da nosa Comunidade na edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas no ano 2020. Todas elas forman parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico da Xunta cunha dotación global de 58M€ para favorecer a recuperación destas dúas industrias tras a crise sanitaria e que recolle medidas de apoio ao sector do libro por 670.000 euros e accións para o fomento da lectura e de apoio ás bibliotecas públicas por 1,6M€.

 

 

Comparte