Nova: Calderón percorre a Ribeira Sacra polo Camiño de Inverno a un ano vista do concurso desta candidatura a patrimonio mundial

03/08/2020

Calderón percorre a Ribeira Sacra polo Camiño de Inverno a un ano vista do concurso desta candidatura a patrimonio mundial

O deportista peregrina desde hoxe cara a Compostela nunha iniciativa impulsada por Monbus Obradoiro coa colaboración da Xunta de Galicia

A súa experiencia será recollida nun documental que promocionará a imaxe de Galicia na antesala da celebración do Xacobeo 2021

 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao coñecido deportista José Manuel Calderón na primeira etapa do proxecto El Camino acaba en Obradoiro, impulsado por Monbus Obradoiro en colaboración coa Xunta de Galicia, na que o deportista peregrinou desde Monforte de Lemos ata a localidade de Chantada.

Nesta primeira xornada, o titular de Cultura e Turismo en funcións, acompañou a José Manuel Calderón ao seu paso pola Ribeira Sacra, onde o deportista puido comprobar a enorme riqueza dos paisaxes, así como o excepcional patrimonio natural e etnográfico desta zona candidata a ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en 2021.

Neste marco, Román Rodríguez expúxolle os valores que atesoura este territorio no que a Xunta de Galicia está dedicando importantes recursos ao Camiño de Inverno. En concreto, este ano a Consellería de Cultura e Turismo inviste 1,5M€ en accións de sinalización, acondicionamento e mellora: “Estamos convencidos que co noso esforzo e con colaboradores como o Obradoiro e Calderón conseguiremos fomentar e impulsar as riquezas deste importante trazado”, precisou o conselleiro en funcións.

Ademais de Román Rodríguez, na xornada de peregrinación tamén participaron o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e o ex xogador de baloncesto, Juan Antonio Corbalán, protagonista da segunda edición de El Camino acaba en obradoiro e embaixador deste proxecto que permite potenciar os vínculos entre o deporte e a Ruta Xacobea e que este ano se leva a cabo no Camiño de Inverno co fin de fomentar a reactivación da peregrinación por este trazado.

José Manuel Calderón iniciou hoxe o seu percorrido en Monforte para completar a súa peregrinación ata Chantada. A continuación peregrinará ata Rodeiro para seguir avanzando, xa o mércores, ata Silleda. Na última etapa, percorrerá o tramo entre Ponte Ulla e Compostela. Durante a súa travesía está previsto que o acompañen figuras do deporte como Corbalán, Amaya Valdemoro, participante na pasada edición ou Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro.

Sexta edición



A primeira edición de El Camino acaba en Obradoiro celebrouse no 2015 coa figura de Terry Porter percorrendo o Camiño Francés desde Sarria. Un ano despois, o ex xogador de baloncesto Juan Antonio Corbalán peregrinou ata Compostela polo Camiño Primitivo. Tras eles chegaron Nikos Galis, a través do Camiño Inglés no ano 2017, e Aleksandar Petrovic, que peregrinou polo Camiño Portugués en 2018. O pasado ano protagonizou a experiencia Amaya Valdemoro, que completou a Vía da Prata desde a cidade de Ourense.

 

Comparte