Nova: Volve a feira de arte contemporánea en cuartos de hotel

28/11/2014

Volve a feira de arte contemporánea en cuartos de hotel

Cuarto Público converte espazos hoteleiros en escaparates da creatividade artística

  • Feira de Arte Contemporánea Cuarto Público Feira de Arte Contemporánea Cuarto Público
  • Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira
  • Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira
  • Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira Anxo Lorenzo no acto de apertura da feira

Santiago, 28 de novembro de 2014.- A feira de arte contemporánea Cuarto Público celebra desde hoxe e ata o domingo 30 de novembro a súa segunda edición co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A iniciativa, organizada por Territorio Cultura, constitúe unha das feiras “máis singulares que se están a realizar en Galicia no ámbito cultural, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de apertura, que tivo lugar hoxe no Hotel NH Collection de Santiago de Compostela.

“Converter os cuartos e os espazos dun hotel nun escaparate para a arte é unha idea diferente e unha proposta nova para achegar o público e os potenciais clientes á creación artística actual, á arte contemporánea”, dixo. Nese sentido, asegurou que “cambiar o marco da obra e neste caso cambiar o ambiente, os espazos e as maneiras de establecer diálogo entre a creación artística, o mercado e os públicos é sempre motivador”.

Na súa intervención, o secretario xeral tamén destacou a necesidade de implicación de empresas privadas para levar a cabo novas iniciativas, como neste caso o hotel NH, “que abre os seus cuartos a novos usos, demostrando unha capacidade de flexibilidade que aplaudimos e que celebramos que se poida repetir e mesmo ampliar”. Así mesmo incidiu na complicidade con galerías e centros de arte, así como nos patrocinios privados e “o apoio que procuramos prestar desde as administracións públicas, no noso caso, desde o Goberno galego”.

Abrir novas fiestras
“Concretamente, desde a Secretaría Xeral de Cultura procuramos contribuír a abrir fiestras novas, que permitan unha renovación nos formatos que manexamos, sempre coa intención de fomentar o maior interese posible dos públicos”, explicou.

Patricia Amil, Paula Cabaleiro e Xulia Santiso son as promotoras deste evento, que transformará o hotel nunha feira de arte contemporánea na que participan diversas galerías galegas e de fóra da comunidade, como Trinta, Bus Station, Adhoc ou Ingenio, xunto con revistas especializadas en artes, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Fundación Luís Seoane, o Auditorio de Galicia e a Facultade de Belas Artes. Ademais, a través da sección Plataforma, a feira dará a coñecer a creatividade de 15 artistas.

A programación inclúe desfiles de moda, sesións musicais, performances e outras propostas que terán lugar nos cuartos da primeira planta do hotel e tamén noutros espazos como as terrazas e o restaurante.

Comparte