Nova: Un curso de Lázaro Carreño pon fin ao plan formativo anual do Centro Coreográfico Galego

28/11/2014

Un curso de Lázaro Carreño pon fin ao plan formativo anual do Centro Coreográfico Galego

Un total de 25 alumnos e alumnas participarán nas clases sobre danza clásica e técnica de puntas que terán lugar na sede da compañía pública da Coruña do 1 ao 5 de decembro

  • Lázaro Carreño Lázaro Carreño

A Coruña, 28 de novembro de 2014.- A vindeira semana remata o plan formativo 2014 do Centro Coreográfico Galego (CCG) cun curso-obradoiro de danza clásica e técnica de puntas a cargo de Lázaro Carreño, ex primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba.

Neste último obradoiro, dirixido a profesionais da danza e a estudantes de nivel alto-medio, participarán 25 alumnos e alumnas procedentes de distintos puntos de Galicia, que se reunirán na sede do CCG na Coruña do luns 1 ao venres 5 de decembro en horario de 17:00 a 19:00 horas, e que se suman deste xeito á liña de traballo que a compañía desenvolve no ámbito da formación continua e da creación de públicos.

O mestre cubano Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba, compartirá así os seus coñecementos no Centro Coreográfico Galego, como xa o fixo anteriormente en compañías do renome do American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres, a Ópera de París, o Houston Ballet de EE.UU. ou a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras.

Esta será a cuarta cita anual do devandito plan formativo, despois dos anteriores cursos xa impartidos na Coruña por Eva Pérez Atienza sobre gyrokinesis e danza clásica; e por Virginia Valero, tamén sobre danza clásica; ademais do realizado por Ángel Rodríguez na sede da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo sobre composición coreográfica. Ademais, o CCG ofreceu este outono distintas sesións pedagóxicas con mestres como Bárbara Monteagudo, Alexis Fernández da compañía La Macana, Kirenia Martínez e Armando Martén de Entremáns, Christelle Horna e Juan Miguel Hernández, así como a master class a cargo de Carmen Roche que tivo lugar o 8 de novembro e a acción de práctica física con Jean Philippe Dury do pasado día 14.

‘Partenaire’ de Alicia Alonso
Lázaro Carreño, formado nas diferentes formas e estilos da escola rusa, realizou ao longo da súa prolixa traxectoria como bailarín os máis distintos roles tanto en coreografías clásicas como contemporáneas. O seu debut profesional co Ballet Nacional de Cuba foi en 1969, no que pasou á categoría de solista en 1972, á de bailarín principal en 1974 e á de primeiro bailarín en 1976.

Foi ‘partenaire’ de Alicia Alonso, con quen interepretou, entre outros títulos, ‘Carmen’, ‘Dido Abandonada’, ‘Roberto el Diablo’ ou ‘Cleopatra’. A súa traxectoria foi merecedora de premios en Bulgaria, Rusia, Puerto Rico, Xapón ou Brasil. No seu país obtivo o máis alto galardón artístico, como é a Medalla ao Mérito Nacional pola Cultura.

Durante a súa carreira compaxinou o seu talento como profesor, bailarín e repetidor de numerosas coreografías clásicas e actuais, especializándose, sobre todo, en ‘Pas de deux’. Como docente traballou na Escola Nacional do Ballet da Habana e no ballet do Teatro Municipal de Santiago de Chile, na Cátedra de Danza Alicia Alonso da Universidade Complutense de Madrid, no Real Conservatorio de Danza de Madrid, no Ballet da Ópera do Rhin (Francia), no Covent Garden de Londres, na academia de María de Ávila en Zaragoza, no Instituto do Teatro de Barcelona ou na Escola de Danza Juan Antxieta de Bilbao.
 

Comparte