Nova: Santiago Lopo recibe o Premio de Narrativa Breve Repsol por A diagonal dos tolos

26/11/2014

Santiago Lopo recibe o Premio de Narrativa Breve Repsol por A diagonal dos tolos

O galardón convócase co obxectivo de promover e reforzar a creación literaria na lingua propia de Galicia

  • O escritor vigués Santiago Lopo O escritor vigués Santiago Lopo

A Coruña, 26 de novembro de 2014.- O vigués Santiago Lopo recibiu hoxe o VIII Premio de Narrativa Breve de Repsol, que gañou pola súa obra A diagonal dos tolos.

Ao acto, que se desenvolveu na Fundación Paideia da Coruña, asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que mostrou a súa satisfacción pola consolidación do Premio de Narrativa Breve Repsol como “un dos máis importantes do sistema literario galego”, feito que atribuíu a un esforzo conxunto de entidades públicas –como a Consellería de Cultura e Educación- e privadas –como a Fundación Repsol- a prol dunha tarefa “tan ampla como elevada: a de impulsar a creatividade en lingua galega e poñer a literatura no noso idioma no lugar que, por calidade, lle corresponde”. Lembrou tamén o papel que no afianzamento do premio tiveron os autores que, como Santiago Lopo, presentaron obras de calidade; así como a Editorial Galaxia, que se encarga de difundir as novelas premiadas, e o público que as avala léndoas.

A canda o conselleiro, interviñeron no acto César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e Víctor Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia. Á entrega do premio asistiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

O mellor de 31 orixinais
A diagonal dos tolos é o título da obra con que Santiago Lopo se fixo co VIII Premio de Narrativa Breve Repsol, tras impoñerse a outras 30 obras orixinais e inéditas presentadas a concurso.

O xurado estivo formado pola gañadora da pasada edición, Berta Dávila; pola profesora de Literatura galega da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra; o escritor Euloxio R. Ruibal, nomeado pola Real Academia Galega; Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e Carlos González Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia.

A obra premiada é unha novela de viaxes e de duplicidades, ambientada na Illa Reunión e formulada como a fuxida de si mesmos e da historia de dous personaxes afastados cronoloxicamente. Como trasfondo, preséntase a reflexión sobre o home poscolonial, o encontro co outro e o conflito individual coa débeda histórica. O xurado destacou “a boa construción da trama, a habilidade do autor na dosificación da intriga e o inesperado final” dunha carreira apaixonante contra os propios límites

O premio está dotado con 12.000 € e a publicación da obra gañadora na Editorial Galaxia.

Santiago Lopo
Santiago González Lopo (Vigo, 1974) é escritor, tradutor e profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos para televisión e, en 1998, verteu ao galego, xunto con Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Gibert.

Ten publicadas as obras de narrativaGame over (2006), coa que gañou o Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia; Peaxes (2009) e Hora Zulú (2012), que o fixo merecente do XXIV Premio Manuel García Barros.

VIII edicións do Premio Repsol
O Premio de Narrativa Breve Repsol, que naceu para impulsar e consolidar o sistema literario galego, chega no 2014 á súa oitava edición. No ano da súa creación, o 2006, fíxose co galardón o xornalista Miguel Sande pola súa novela Se algún día esta muller morta. A obra gañadora da segunda edición foi Así nacen as baleas, de Anxos Sumai. Seguiuna no 2008 o dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro, con A verdade como mal menor. Na cuarta edición, o premio recaeu en Xurxo Sierra pola novela Os fíos e, na quinta, en Fernando Díaz Castroverde por Microbios e outros paquidermos. Pechan a lista María López Sández, premiada no 2012 por A forma das nubes, e Berta Dávila, que recibiu o galardón o ano pasado por O derradeiro libro de Emma Olsen.