Nova: A Xunta pón en valor as composicións clásicas e relixiosas no marco do XII Ciclo de Música de San Martiño de Barcia de Mera

27/06/2020

A Xunta pón en valor as composicións clásicas e relixiosas no marco do XII Ciclo de Música de San Martiño de Barcia de Mera

A cita anual que arrancou hoxe en Covelo adaptouse á situación sanitaria para ofrecer seis concertos entre os meses de xuño e setembro

A sesión inaugural correu a cargo do Trío Schubert que interpretou pezas dos compositores Franz Schubert e Ludwig van Beethoven

  • XII Ciclo de Música de San Martín de Barcia de Mera

Covelo (Pontevedra), 27 de xuño de 2020.- O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á inauguración do Ciclo de Música de San Martiño de Barcia de Mera, que este ano celebra a súa duodécima edición adaptado á actual situación sanitaria. Trátase dun amplo programa de música clásica que se desenvolverá ata o mes de setembro na igrexa barroca da parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, no concello pontevedrés de Covelo.

A xa tradicional cita cultural, que cada ano atrae ano a máis público para gozar da música clásica nunha contorna única, celebra este ano unha edición diferente debido a crise sanitaria. Tanto é así que o ciclo tivo que adiar a súa inauguración, inicialmente prevista para abril, acortando o número de recitais e adoptando novas medidas de seguridade sanitaria.

Trátase dun ciclo de concertos que, segundo o representante da Xunta, “permite converter o templo de Barcia de Mera nun punto de encontro para os afeccionados á música clásica, pero tamén favorece que outra xente poida realizar un primeiro achegamento a estas obras, ás que non sempre foi fácil o acceso”

Concretamente, a edición inaugurada hoxe conta con seis concertos que se celebrarán ao longo de catro meses e que contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. Así, o recital de hoxe correu a cargo do Trío Schubert que interpretou pezas dos compositores Franz Schubert e Ludwig van Beethoven. Continuarase o 11 de xullo con Atlantic Mozart Flute Quaret e, o día 18, co Dúo Basso alla Moda. Xa en agosto actuarán na igrexa de Barcia de Mera o Cuarteto Claretino (día 15) e o grupo Vox Stellae con O Caso Aleotti. Os encargados de clausurar o ciclo, o 19 de setembro, serán o Trío Contreras.

Comparte