Nova: A Xunta analiza os retos do sector do libro na era poscovid-19 no IV Foro #aculturasegue coas editoras Turner e Rinoceronte

04/06/2020

A Xunta analiza os retos do sector do libro na era poscovid-19 no IV Foro #aculturasegue coas editoras Turner e Rinoceronte

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, conduciu esta tarde a cuarta sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19. Esta nova cita estivo centrada nos desafíos aos que se enfronta o sector do libro no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos de eventos como feiras ou presentacións, o parón no lanzamento de novidades editoriais, ou os novos desafíos do libro dixital, cuestións que foron postas sobre a mesa polos dous relatores deste encontro en liña. O foro contou coa participación de Santiago Fernández de Caleya, director da Editorial Turner, que con máis de 40 anos e máis de 3.000 títulos publicados está especializada en libros de arte e ilustrados de coidada factura, así como en coleccións de ensaio e non ficción. Pola banda galega estivo presente Anxa Correa, responsable de edición en Rinoceronte, a primeira editora especialista na publicación de obras traducidas ao galego, apostando por autores de calidade, inéditos ou descoñecidos no noso contexto literario.

Os Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19 véñense desenvolvendo desde o pasado mes de maio e constan nunha serie de encontros en formato webinario con especialistas procedentes de distintos campos do eido cultural. As sesións poden seguirse por videoconferencia e convidan á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual. A actividade está impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e no marco do Xacobeo 2021 e realízase ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, promovido polo Goberno galego.

Comparte