Nova: A Cidade da Cultura pon en marcha 'Clic Xanela', un curso en liña con técnicas para mellorar as fotografías desde o móbil

24/04/2020

A Cidade da Cultura pon en marcha 'Clic Xanela', un curso en liña con técnicas para mellorar as fotografías desde o móbil

Os participantes poderán compartir os seus resultados en rede e ter a posibilidade de ser titorizados nos seus avances dun xeito personalizado

Enxírese dentro da campaña #aculturasegue da Consellería de Cultura para ofrecer contidos de calidade e lecer durante o confinamento polo COVID-19

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o curso Clic Xanela, unha actividade en liña con técnicas para mellorar a calidade das fotografías que se sacan desde o móbil.

Pensado para un público adulto sen necesidade de coñecementos previos, Clic Xanela ten o obxecto de facilitar os recursos e habilidades para tirarlle un mellor partido as posibilidades que nos dan os dispositivos móbiles. Do mesmo xeito, trátase de compartir ferramentas que permitan aproveitar esta época de obrigado confinamento pola crise do COVID-19 con actividades culturais e de lecer de calidade online, tal e como persegue a campaña da Consellería de Cultura e Turismo.

Cada semana, o fotógrafo Óscar Corral impartirá nas redes sociais e na páxina web da Cidade da Cultura técnicas que facilitarán de modo sinxelo e a calquera tipo de usuario realizar mellores fotografías instando a levalas a cabo desde a fiestra. Deste xeito, convídase á xente a deixar de velas coma lindes do que quedou fóra nesta época de confinamento, senón como ponte da vida que continúa a pertencerlles e que sigue a formar parte das súas cotiandades.

Entre os consellos, os participantes atoparán desde os máis básicos de iniciación –nos que se empraza á descuberta polo miúdo do dispositivo móbil para ver todas as opcións de fotografía que facilita cada aparato– ata ao dominio da luz, a harmonía cromática, a composición e disposición dos elementos a fotografar ata chegar a contidos máis elaborados sobre o discurso que podemos inxerir nunha imaxe, aínda que sexa feita desde o móbil e a través da xanela.

Todas a persoas que participen poden compartir as súas fotografías tras aplicar o consello práctico tanto polas redes sociais da Cidade da Cultura, como facéndoas chegar ao enderezo electrónico onlinecidadedacultura@gmail.com para un grande álbum en liña compartido. Igualmente, se o desexan poden recibir de xeito persoal e individual valoracións, apreciacións ou comentarios de mellora por parte do titor, quen lles pode precisar ou aclarar dúbidas xurdidas no proceso ou no resultado.

Comparte