Nova: Axudas de 143.000 euros a 13 novos guións, curtas e longametraxes

16/11/2014

Axudas de 143.000 euros a 13 novos guións, curtas e longametraxes

Desta cuantía, un total de 90.000 euros destínase a apoiar a produción das longametraxes de Alberto Gracia, Alfonso Vázquez Cortizo e Xoán Escudero

Oliver Laxe, Xacio Baño, Xoel Méndez, Rafael de los Arcos e Fernando Epelde son os beneficiarios na modalidade de escrita de guión e Marcos Flórez, Miguel Mariño, Santiago Diéguez, Sabela Pernas e Olga Osorio, na de curtametraxes

  • Axudas de 145.000 euros a novos talentos audiovisuais galegos Axudas de 145.000 euros a novos talentos audiovisuais galegos

Santiago, 16 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu a adxudicación dun total de 145.000 euros a 13 proxectos de escrita de guión e de realización de curtas e longametraxes a través das axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.

Estas subvencións, recuperadas o ano pasado co obxectivo de manter a aposta de Cultura e Educación pola nova creación audiovisual, incorporou en 2014 unha categoría destinada á realización de longametraxes de directores noveis, xunto coas modalidades para escrita individual de guións e para a produción de curtametraxes, xa contempladas na convocatoria de 2013. De feito, a inclusión dun apartado específico para primeiras ou segundas longametraxes dos seus realizadores implicou un incremento do 119,7 por cento na dotación total desta convocatoria respecto dos 66.000 euros outorgados o ano anterior.

Proxectos subvencionados
Os tres directores beneficiarios nesta modalidade son Alberto García Hermida (Alberto Gracia) para a produción de ‘O eco’, Alfonso Vázquez Cortizo para ‘Contrafaces’ e Xoán Escudero para ‘O tempo futuro’. Cada un deles recibirá 30.000 euros para o cofinanciamento das súas respectivas películas.

Outros 25.000 euros corresponden a cinco proxectos de escrita individual de guión, que recibirán 5.000 euros en cada caso. Os adxudicatarios son Oliver Laxe con ‘Merlín e familia’, Xacio Baño con ‘Trote’, Xoel Méndez con ‘10/7’, Rafael de los Arcos con ‘O alcalde’ e Fernando Epelde con ‘O val inquietante’.

Os 30.000 euros restantes distribúense entre outras cinco propostas de realización de curtametraxes, con 6.000 euros adxudicados a cada unha delas: ‘Volonté’ de Marcos Flórez, ‘O descubrimento de Américo’ de Miguel Mariño, ‘Vai chover’ de Santiago Diéguez, ‘Nenos labregos 3.0’ de Sabela Pernas e ‘ReStart’ de Olga Osorio.

Inseridas no plan xeral de apoio ao audiovisual galego que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve anualmente a través da Agadic, estas axudas ao talento buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria audiovisual galega, así como fomentar o emprego das novas tecnoloxías neste ámbito. En total, son cinco as convocatorias deste programa de subvencións para 2014, dotado con 2,53 millóns de euros e no marco do que tamén se apoian festivais audiovisuais, a produción e coprodución de longametraxes, o desenvolvemento de proxectos audiovisuais na fase de preprodución, e a promoción, comercialización e exhibición dos produtos audiovisuais galegos.

A relación completa de proxectos beneficiarios e de contías concedidas está dispoñible para a súa consulta a través das seccións de axudas e de avisos da web da Agadic (www.agadic.info).
 

Comparte