Nova: A Xunta e a comisión Fulbright convocan cinco bolsas para estadías formativas no campo das artes nos Estados Unidos

19/02/2020

A Xunta e a comisión Fulbright convocan cinco bolsas para estadías formativas no campo das artes nos Estados Unidos

Os beneficiarios realizarán estudos e investigacións durante os dous próximos anos en centros americanos de referencia

As axudas cubrirán o desprazamento, a manutención do bolseiro e a matrícula entre outros gastos

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou hoxe un convenio de colaboración co director executivo de Fulbright España, Alberto López, grazas ao que se ofertarán cinco bolsas para realizar estudos, estadías ou investigacións nos Estados Unidos no campo das artes. Galicia é a primeira comunidade autónoma que subscribe este tipo de acordos coa Comisión Fulbright.

Román Rodríguez destacou que estas becas “son un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional e son sinónimo de oportunidade”, xa que os beneficiarios poderán aprender fóra das nosas fronteiras ao tempo que son embaixadores da cultura e identidade propias.

O convenio contempla a realización de diferentes accións de formación, intercambio e fomento da cultura que se concretan na concesión destas bolsas a candidatos vinculados a Galicia por nacemento, residencia, formación en estudios superiores ou artísticas, ou traxectoria profesional. Estas bolsas, a desenvolver en centros americanos de referencia, redundarán tanto na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Así mesmo, estas axudas contribuirán a promocionar e divulgar o patrimonio e cultura galegos.

Compromisos e prezos

O acordo, que conta cun importe de 140.000 euros para o 2020 e 2021, cubrirá os gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha aportación de 50.010 euros correspondente a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.

Así mesmo, será Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Deste xeito farase cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e de ofrecer unha rede de apoio nos Estados Unidos. Ademais, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados por Fulbright e unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.S. Department of State.

Comparte