Nova: Resoltas as axudas a salas privadas de artes escénicas

12/02/2020

Resoltas as axudas a salas privadas de artes escénicas

As salas Ártika e Teatro Ensalle de Vigo, Ingrávida do Porriño e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña integran automaticamente a Rede Galega de Salas en calidade de beneficiarios destas subvencións

A dotación de 150.000 euros destínase tanto a gastos ordinarios de funcionamento dos locais como á programación que desenvolven como parte do circuíto

 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020.- As salas Ártika e Teatro Ensalle de Vigo, Ingrávida do Porriño e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña repiten en 2020 como beneficiarias da convocatoria anual de subvencións da Xunta a espazos de artes escénicas de titularidade privada, segundo a resolución publicada hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

A súa condición de adxudicatarios destas axudas implica, ademais, que estes son os cinco locais que lle dan forma este ano á Rede Galega de Salas, de xeito que o 50% dos 150.000 euros adxudicados mediante esta convocatoria destínase directamente ao financiamento da programación das salas como parte deste circuíto profesional de espectáculos escénicos. A contía restante diríxese a sufragar gastos ordinarios de funcionamento dos espazos tales como alugamentos, subministracións ou contratación de persoal.

Deste xeito, contribúese á estabilidade e á consolidación deste tipo de escenarios en Galicia, recoñecendo o seu importante papel como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas nas súas respectivas localidades e área de influencia.

A adxudicación resolveuse a partir da avaliación das solicitudes por parte dunha comisión, que puntuou cada un dos proxectos segundo o baremo estipulado nas bases, no que figuraban criterios como a antigüidade, a capacidade do local, o proxecto de programación, actividades complementarias ou recursos humanos.

De acordo con esta valoración, as contías concedidas este ano sitúanse nos 50.588 euros para a Sala Teatro Ártika, 44.833 euros para Teatro Ensalle, 20.513 euros para a Sala Ingrávida, 17.425 euros para Teatro del Andamio e 16.639 euros para a Sala Gurugú.

 

Comparte