Nova: A Agadic organiza un encontro para abordar as oportunidades de negocio da música galega no Bilbao Music Experience (BIME)

10/02/2020
A Agadic organiza un encontro para abordar as oportunidades de negocio da música galega no Bilbao Music Experience (BIME)
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia reuniu hoxe os representantes de máis de 20 empresas e artistas do eido musical galego con Vera Wrana, codirectora de Bilbao Music Experience (BIME) PRO, considerado o maior encontro profesional da industria musical en España, que celebrará na capital biscaíña a súa oitava edición do 28 ao 30 de outubro. A sesión informativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura, foi presentada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, quen situou o acto no seguimento do acordo acadado co sector o pasado decembro respecto á presenza da nosa música en Bilbao e noutras tres citas internacionais durante 2020: o Mercat de Música Viva de Vic (Barcelona), a Feria Internacional de Música para Profesionales (FIMPRO) de Guadalaxara (México) e o World Music Expo (Womex), que terá lugar en Budapest (Hungría).
Sutil referiuse, así mesmo, á aplicación das subvencións á distribución das industrias culturais para este tipo de accións de promoción exterior, unha liña de axudas pola que en 2019 se contribuíu á realización de máis de 600 actuacións escénicas, concertos e actividades de difusión nunha vintena de países e noutros destinos do resto de España. Pola súa banda, Vera Wrana explicou todas as oportunidades de negocio para a industria musical galega que ofrece BIME PRO, e tamén contaron as súas experiencias en anteriores edicións deste evento Patricia Hermida, de mare Producción; Jordi Lauren, de Play Plan Cultural; e María Nieto, da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo-Clubtura.