Nova: Feijóo constata o apoio da Xunta ao audiovisual galego na preestrea da película de animación 'A Galiña Turuleca'

19/12/2019

Feijóo constata o apoio da Xunta ao audiovisual galego na preestrea da película de animación 'A Galiña Turuleca'

O filme será proxectado en sete hospitais galegos a partir do 13 de xaneiro

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe o apoio da Xunta ao audiovisual galego na preestrea da película de animación A Galiña Turuleca.

Feijóo asistiu esta tarde á première desta película de animación 3D, producida pola empresa de animación galega Filmax e Tandem Films –unha coprodución internacional entre España e Arxentina-, que ten coma protagonista á personaxe da famosa canción infantil popularizada polos Pallasos da Tele.

Esta preestrea, celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, contou coa participación do equipo da película e, ademais, asistiron como espectadores nenos do rural galego.

Feijóo, minutos antes da proxección, subliñou que este filme é “un agasallo para este Nadal” que esconde un bo número de valores. “Mirade e desfrutade os debuxos, pero sobre todo escoitade a música e o que din, porque ben vale a pena recordalo; non só agora, senón tamén para cando sexades adultos",  dirixiuse aos nenos, pois, engadiu, esta película "sempre estará vixente" .

Así mesmo, durante o evento confirmouse que a estrea está programada para o 1 de xaneiro e dúas semanas máis tarde, a partir do 13 de xaneiro, poderán desfrutala os pequenos ingresados nos sete hospitais galegos, grazas á colaboración da Fundación Andrea, co que “os que non poden ir a casa este Nadal, estes Reis” –dixo Feijóo- vivirán igualmente un momento de maxia.

Cómpre salientar tamén que das 300 copias que se distribuirán polas salas de toda España, haberá un total de seis en galego, que estarán distribuídas en cines da nosa Comunidade nos que se ofrecerá a película nas dúas versións. A galega contará coa dobraxe de Tere Santamaría (Turuleca) e Luis Iglesia (Armando Tramas, o antagonista), mentres na española as voces serán de Eva Hache e José Mota.

Para a súa produción audiovisual, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destinou unha axuda de preto de 260.000 euros, mentres a CRTVG achegou 150.000 euros. En conxunto, o Goberno autonómico destinou este ano máis de 2,6 millóns de euros a apoiar proxectos do audiovisual galego.

Comparte