Nova: A Xunta abre unha nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros para impulsar o turismo nos xeodestinos galegos

19/12/2019
A Xunta abre unha nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros para impulsar o turismo nos xeodestinos galegos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da nova convocatoria que permitirá seguir diversificando a oferta turística durante todo o 2020 de cara ao Xacobeo 2021
Os beneficiarios poderán acceder a ata 150.000 euros para crear ou consolidar produtos turísticos, afondar na formación do sector, mellorar a implantación das tecnoloxías, avanzar na súa internacionalización ou aumentar a súa promoción
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da nova orde de subvencións de máis de 1 millón de euros coa que o Goberno autonómico impulsará a actividade turística de xeito distribuído por todo o territorio galego coa intención de repartir os beneficios que o turismo supón na antesala do Xacobeo 2021.
Múdase así a forma de colaboración cos xeodestinos, que ata o de agora se formalizaba a través de convenios, e lánzase agora esta orde de axudas que estará dirixida a mancomunidades, consorcios locais con competencias en materia de turismo, agrupacións de concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural (GdR) ou asociacións legalmente constituídas que teñan contratado persoal técnico en turismo dedicado ao seguimento e coordinación das actuacións obxecto desta orde.
Os beneficiarios poderán acadar axudas máximas nas diferentes categorías de entre 30.000 e 150.000 euros para a dinamización turística dos seus territorios a través de actuacións que afonden na planificación, creación e consolidación de produtos turísticos no xeodestino; a comercialización, promoción e difusión do produto turístico, formación dirixida ao sector turístico ou novas tecnoloxías aplicadas ao turismo. As accións deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020.
Impulso ao rural galego
A convocatoria realizarase en réxime de concorrencia competitiva. A Xunta poderá sufragar entre o 50% e o 90% do investimento subvencionable en base a uns criterios establecidos nas bases nos que, entre outros aspectos, se valorará que os produtos que presenten incidan na desestacionalización, que leven a cabo unha oferta accesible, destinada a familias ou público senior ou que afonden na innovación.
Esta nova convocatoria de axudas dá continuidade ao apoio económico outorgado pola Xunta aos xeodestinos desde a súa creación en 2011. O Goberno autonómico avanza así no seu obxectivo de conseguir a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e se posicione como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego.