Nova: Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León trasladarán ao Goberno central a necesidade de crear un Plan nacional dos Camiños de Santiago para o impulso global das Rutas Xacobeas

13/12/2019

Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León trasladarán ao Goberno central a necesidade de crear un Plan nacional dos Camiños de Santiago para o impulso global das Rutas Xacobeas

As catro comunidades acordaron crear unha mesa de traballo que permita contar cunha planificación coordinada para o desenvolvemento desta ruta

Inciden na necesidade da inclusión de Galicia e Andalucía na candidatura da Vía da Prata, liderada por Estremadura, que nestes momentos está na Lista Indicativa de Candidaturas Españolas para formar parte do Patrimonio da Humanidade

Trasladaron a decisión de solicitar ao Consejo Jacobeo a incorporación de Estremadura e Andalucía, xa que deste órgano só forman parte as comunidades polas que pasan camiños Patrimonio da Humanidade

Santiago de Compostela 13 de decembro de 2019.- As comunidades de Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León acordaron hoxe, tras o acto de Encontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata, trasladar ao Goberno central a necesidade de crear un Plan nacional dos Camiños de Santiago para o impulso global das Rutas Xacobeas e de conexión cos sucesivos anos santos.

Durante o acto, o presidente da Xunta lembrou que a Vía da Prata foi creada “polos pés dun sennúmero de camiñantes” de todas as orixes imaxinables, que nos deixaron este legado de entendemento e colaboración; “e hoxe estamos aquí para protexela e poñela en valor”, dixo, precisando que esa relevancia excepcional da Vía da Prata explica que tanto Estremadura como Andalucía se incorporen ao Consejo Jacobeo, “e que Galicia, pola súa banda, se inclúa na candidatura a Patrimonio Mundial que se está impulsando”.



Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que, aínda que nos refiramos ao “Camiño” en singular, en Santiago desembocan “Camiños” en plural que se ramifican e achegan finalmente esa incomparable diversidade que distingue ás peregrinacións. Ao respecto, sostivo que nas Rutas Xacobeas ben podemos ver unha metáfora da España que vai recollendo ao longo da historia e do presente aportacións que desembocan “na nación libre e fraterna que queremos preservar por riba de vicisitudes políticas”.

“Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia pertencen ás comunidades amigables, amigables e esixentes cando é pertinente, dispostas a colaborar en tarefas comúns”, abundou.

“Os galegos, os estremeños, os andaluces e os castelán-leoneses nin estamos sós, nin queremos estalo, levamos séculos loitando contra unha soidade que parecía imposta pola xeografía e, froito desa loita é o Camiño de Santiago”, manifestou, facendo fincapé en que as comunidades representadas neste acto sempre fixeron gala dun beneficioso multilateralismo en diferentes campos como o despoboamento, a sanidade ou as infraestruturas.

O titular do Goberno galego concluíu insistindo en que este encontro reflicte a visión integradora, cooperadora e solidaria do feito autonómico, “que é a máis fiel á vocación que orixina a nosa España das autonomías”.

Deste xeito, e fronte a quen desde un e outro extremos se empeñan en dicir o contrario, Feijóo sostivo que o modelo funciona axeitadamente, a pesar de todos as dificultades inherentes a un entramado institucional complexo. E incidiu en que a España das autonomías fixo posible que as nosas identidades non se exclúan, senón que sumen.

Outros acordos adoptados

Ao longo do acto os conselleiros de Cultura das catro comunidades expuxeron outros acordos adoptados nesta xornada de traballo, entre os que destacan a decisión de crear unha mesa de traballo que permita contar cunha planificación coordinada para o desenvolvemento desta ruta. Así como a necesidade da inclusión de Galicia e Andalucía na candidatura da Vía da Prata, liderada por Estremadura, que nestes momentos está na Lista Indicativa de Candidaturas Españolas para formar parte do Patrimonio da Humanidade, xa que ata agora só formaban parte desta candidatura Estremadura e Castela e León.

E, por último, trasladaron a decisión de solicitar ao Consejo Jacobeo a incorporación de Estremadura e Andalucía, xa que deste órgano só forman parte as comunidades polas que pasan camiños Patrimonio da Humanidade.

Comparte